Utilizan ozono para desinfectar vehículos da administración autonómica

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo puxo en funcionamento dúas unidades de desinfección por ozono que utilizará especialmente para a limpeza dos vehículos e dependencias con que conta a propia Administración autonómica na provincia.

Esta é outra das medidas postas en marcha polo Goberno galego para tratar de controlar a expansión do virus Covid 19, neste caso hixienizando recursos de servizo público, como son os vehículos que utilizan as brigadas da Xunta e a Policía Autonómica.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que tamén colaborarán na desinfección do parque móbil do que dispoñen outros servizos de emerxencia, como as agrupacións de Protección Civil e Policía autonómica.

A iniciativa vén a complementar os labores de desinfección nas contornas de centros asistenciais, e distintas medidas de protección que está facilitando a Xunta a todos os concellos, residencias de maiores e outros puntos vulnerables para incrementar a seguridade fronte ao coronavirus.

Etiquetas