Axencia de colocación

Adega crea unha web con recursos de libre acceso para pasar a corentena

Hai tres semanas, Adega lanzaba a campaña #EuFicoNaCasaConADEGA coa idea de poñer a disposición da sociedade xeral, e da galega en particular, recursos didácticos e divulgativos sobre medio ambiente e ecoloxía en galego para pasar a corentena. O obxectivo desta iniciativa é o de facilitar a un público xeral o acceso a estes recursos, nalgúns casos xa pre-elaborados, compartir saberes e experiencias sen restricións ou exclusividades, e propoñer solucións ante un futuro que se nos presenta difícil e de profundos cambios estruturais e, por tanto, que afectan ao noso estilo de vida. Trátase, en definitiva, de contribuír colectivamente a compartir experiencias, coñecementos e aprender entre todos e todas outra forma de vivir máis amable,  máis sustentable e máis consciente e necesaria fronte a grade crise que afrontamos: a crise climática.

A acollida desta iniciativa de Adega para afrontar este período de confinamento resultou exitosa, sendo a día de hoxe varios os centos de persoas subscritas ás Eco-ideas de Adega para pasar a corentena. Co a intención de que outros colectivos e organizacións de ámbito galego se animen a compartir dentro desta campaña os seus recursos e ideas para pasar o confinamento, xa están a colaborar cunha ducia de colectivos entre os que están as anpas galegas, sindicatos do ensino (STEG, CIG-Ensino), sindicatos agrarios (SLG, FRUGA), organizacións culturais (A Mesa, Culturmar, Rede Galega polo Patrimonio) ou de carácter ambiental (CEMMA, Fundación Eira, GNHábitat, Mycogalicia, Cousa de Raíces).

Así, a web de recursos para o confinamento é https://euficonacasa.adega.gal. Así mesmo, Adega publicou unha nova páxina web que funcionará de repositorio online de todos os recursos educativos ou materiais de divulgación que cheguen a través desta campaña #EuFicoNaCasaConADEGA. Esta web será de acceso libre e estará vinculada ao sitio web https://adega.gal.

A través da web https://euficonacasa.adega.gal calquera persoa con acceso á rede poderá acceder a unha chea de Eco-ideas ou propostas de actividade relacionadas coa ecoloxía e co coidado ambiental, ou material divulgativo de diferentes proxectos e experiencias sustentables que pretenden preservar e dar a coñecer, tanto o patrimonio natural, como o patrimonio cultural de Galiza. Alén das Eco-ideas de Adega, este URL contén tamén aquel material divulgativo ou recursos externos procedentes das entidades colaboradoras.

Este repositorio web acolle materiais en diversos formatos: vídeos-obradoiro, fichas de actividades, fichas de identificación de flora e fauna, lecturas recomendadas, páxinas web sobre proxectos de interese,  manuais, etc. Os materiais clasifícanse tamén segundo o tipo de destinatarios, identificando aqueles recursos que están recomendados para todos os públicos ou para niveis educativos de primaria ou secundaria.

Adega tamén está a enviar por correo electrónico un boletín coas novidades na oferta de Eco-ideas ou recursos educativos a todas as persoas que se subscriben ao mesmo a través deste formulario: https://euficonacasa.adega.gal/subscribete/

Etiquetas