Axencia de colocación

A Deputación reactiva a contratación de obras e servizos públicos

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a institución vén de reactivar os procedementos de licitación para contratar obras, servizos e subministros públicos. Fíxoo ao abeiro da decisión adoptada polo Goberno central de levantar a suspensión deste tipo de procedementos que se incluíra no decreto do 14 de marzo que estableceu o estado de alarma.

Desta forma, a Deputación volve a promover expedientes de contratación, o que supoñerá “un importante estímulo para a economía da provincia, para o tecido empresarial e, polo tanto, para o mantemento do emprego”, destacou o presidente, tendo en conta que, segundo recolle o Plan de Contratación aprobado polo Goberno provincial, a Deputación sacará adiante neste ano máis de 200 contratos por un importe total de preto de 20 millóns de euros.

“A inxección de recursos que supón a contratación e execución de obras, servizos e subministros públicos é un factor moi importante para a reactivación económica”, incidiu José Tomé.

O presidente lembrou neste sentido que durante o estado de alarma, a Deputación de Lugo mobilizou recursos económicos para inxectar tanto nos 67 concellos da provincia, como no tecido social e económico da provincia por importe de máis de 55 millóns de euros co fin de paliar os efectos da crise sanitaria da Covid-19 na cidadanía, nos municipios e nas empresas e autónomos.

Fíxoo a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2020, dotado con 21,3 millóns de euros; cos adiantos nos pagos mensuais ata xuño de 11 millóns de euros aos municipios que teñen delegado na institución a xestión de impostos municipais e coa liquidación da recadación do 2019 destes mesmos concellos por 11,5 millóns de euros; co pago a provedores por 2,3 millóns de euros; co pago de subvencións ou coa activación do Plan Estratéxico de Subvencións, con 5,7 millóns de euros de orzamento.

A combinación do traballo a distancia e das quendas presenciais do persoal permite o funcionamento da maquinaria administrativa da Deputación para materializar as decisións e medidas tomadas polo Goberno provincial durante o estado de alarma e mobilizar recursos económicos para poñelos a disposición dos concellos e do tecido social e económico da provincia.

Etiquetas