Luz verde para a pesca e a caza en todas as súas vertentes

Os galegos poderán pescar e cazar sen prohibicións. Tras anteriores peticións, finalmente o ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou que quedaban autorizadas ambas as prácticas deportivas en todas as súas vertentes.

A rectificación por parte do Executivo foi acollida con satisfacción e certas reticencias polos colectivos galegos, que nos últimos días alzaran a voz para denunciar a discrimación que entendían que estaban a sufrir.

A Xunta xa autorizara estas actividades unha vez que se publicaron no Boletín Oficial do Estado (BOE) as medidas destinadas a deportistas tanto de alto nivel como federados. Con todo, o Goberno deu marcha atrás unha semana despois e, tal e como publicou no boletín o pasado día 11, anulou a autorización.

Con esta nova rectificación, os 200.000 galegos que practican pesca e caza poderán aproveitarse do permiso outorgado o pasado 2 de maio e retomar a actividade a partir deste luns. Á espera de que se publiquen todos os detalles no BOE, entre os colectivos de pescadores e cazadores galegos entenden que as normas serán as mesmas que as de calquera deportista federado. Deste xeito, a mobilidade nesta fase 1 da desescalada estenderase ata o ámbito provincial.

Etiquetas