112 operarios e 64 máquinas traballarán nas estradas provinciais durante o inverno

TerraChaXa
24 Nov 2019

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, presentou este martes en Pedrafita do Cebreiro o Plan de Viabilidade Invernal despregado polo organismo provincial para a temporada 2019-2020. Tomé Roca resaltou a importancia de contar cun protocolo destas características para “facerlle fronte coa maior rapidez e eficacia posible ás incidencias que se poidan producir na rede viaria provincial, a máis extensa de España, tratando de garantir a comodidade e seguridade dos usuarios e usuarias fronte a episodios de meteoroloxía adversa”, explicou.

O titular da administración provincial detallou que, “xunto cos recursos propios da Deputación, no Plan de Viabilidade Invernal traballarán 7 empresas cunha ampla experiencia na resolución de incidencias viarias causadas pola neve e o xeo”. En concreto, Tomé Roca explicou que o dispositivo está composto por 112 operarios e 64 máquinas, ademais de 12 silos que temos por toda a provincia e que dispoñen de 420 toneladas de sal de mina”.

O Plan Invernal divídese en 8 zonas, todas dotadas con medios suficientes para facer fronte coas maiores garantías posibles ás emerxencias que poidan xurdir. “A rede viaria provincial é a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros de estradas e deles, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas”, indicou o presidente.

Durante a súa intervención, Tomé Roca fixo balance da temporada pasada. “Segundo os datos do servizo de Xestión Territorial da Deputación, o operativo realizou máis de 600 intervencións, tanto preventivas como paliativas, o que supón un aumento do 600 % con respecto a temporada anterior”.

Apoio aos concellos
O presidente da Deputación explicou que o Plan Invernal leva consigo poñer a disposición dos concellos da provincia sal de mina para que poidan atender os problemas que se produzan nas estradas municipais debido ás condicións meteorolóxicas adversas. Tomé Roca explicou que con esta iniciativa “garantimos non só que as vías provinciais se manteñan limpas e fóra de risco, senón tamén que os concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou causas sobrevidas en calquera estrada subministrándose dos silos que a Deputación ten por todo o territorio provincial”.

Estes depósitos atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Cada un destes almacéns dispón nestes momentos de 30 toneladas de sal de mina, isto é, dun total de 420 toneladas.

Todos os concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.

Durante a presentación, o presidente estivo acompañado do Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo Magdalena, da voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, dos deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; de Participación Cidadá, Roberto García Pernas; de Cooperación e Asistencia aos concellos, Xosé María Arias Fernández; e de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico; ademais dos alcaldes de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, A Fonsagrada, Carlos López López, Navia de Suarna, José Fernández Fernández, e Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereira.

0.11486601829529