23 Obradoiros de emprego para menores de 30 anos en 57 concellos

TerraChaXa
A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa un total de 23 obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos nos que participarán un total de 352 alumnos de 57 concellos galegos.
22 Aug 2018

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa un total de 23 obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos nos que participarán un total de 352 alumnos de 57 concellos galegos. Os apoios que se veñen de conceder, que suman preto de 3,4 millóns de euros, permitirán desenvolver iniciativas centradas en especialidades de ámbitos como a informática e as tecnoloxías da información e a comunicación (TICs); o deseño gráfico; a hostelería e o turismo; a carpintería; o forestal; a xardinería; ou o sociosanitario; e diferentes materias relacionadas coa construción e a industria, entre outros. Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, cun contrato de aprendizaxe durante 9 meses.

Son beneficiarios da iniciativa que se vén de resolver, destinada a persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, as administracións locais (con prioridade para os Concellos Emprendedores), as asociacións de entidades locais e as mancomunidades.

En concreto, na provincia da Coruña desenvolveranse un total de 10 obradoiros que contarán con 146 alumnos, impulsados de xeito individual polos concellos das Pontes, Boiro, Carballo, Ferrol, Betanzos e Rianxo; así como polas agrupacións formadas por: Fene, Ares, Cabanas, Neda e Mugardos; Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra; Santiago de Compostela e Teo; e Rois, Dodro e Padrón.

No tocante á provincia de Lugo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia dous obradoiros, promovidos polos concellos de Ribadeo e Lugo e nos que participarán un total de 32 alumnos.

En Ourense serán 47 persoas desempregadas as que se beneficien das iniciativas impulsadas pola agrupación formada polos concellos de Ribadavia, Carballeda de Avia e Castrelo de Miño; a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense, e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.

Estes programas compleméntanse cos novos obradoiros duais de emprego, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2000 persoas desempregadas, cunha achega de preto de 30 millóns de euros. O obxectivo é poñer en marcha 100 obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e, como principal novidade, a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

Tanto os obradoiros duais como os espefícicos para menores de 30 anos combinan a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade. Ademais, os alumnos e alumnas recibirán, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Con estes programas búscase mellorar a empregabilidade dos seus participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico-práctica de calidade da man de especialistas; a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17715120315552