45 concellos reciben axudas para contratar axentes de emprego

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Consellería de Emprego e Igualdade destina case 430.000 euros para apoiar o mantemento ou contratación de 45 axentes de emprego.
xardineiro xardin emprego
3 Xan 2022

A Consellería de Emprego e Igualdade destina case 430.000 euros para apoiar o mantemento ou contratación de 45 axentes de emprego e desenvolvemento local noutros tantos concellos da provincia de Lugo. Cada entidade local conta con axuda para contratar un axente.

En canto á distribución por zonas, na comarca da Mariña a Xunta inviste 103.400 euros para manter contratos en 10 concellos -Foz, Ribadeo, Mondoñedo, Cervo, Xove, Barreiros, Ourol, A Pontenova, O Vicedo e Lourenzá- e na Zona Sur destínanse 85.000 euros para contratar nove axentes en Monforte de Lemos, Chantada, Sober, Taboada, Pantón, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Carballedo e Bóveda.

Na comarca de Lugo o Goberno galego apoia con 78.200 euros sete contratacións en Lugo, Rábade, Friol, O Corgo, Guntín, Portomarín e Outeiro de Rei; mentres que na Terra Chá e Meira destínanse 62.800 euros para contar con estes profesionais en sete municipios: Vilalba, Cospeito, Begonte, Riotorto, A Pastoriza, Abadín e Ribeira de Piquín.

No tocante á área da Montaña, os municipios de Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e As Nogais suman 48.800 euros para contratar cadanseus axentes; mentres que na comarca de Sarria apróbanse 44.400 euros para dispor de cinco en Sarria, Láncara, Triacastela, O Páramo e Samos. Por último, a Xunta contribúe con 7.100 euros a sufragar un contrato en Palas de Rei.

Este persoal ten como obxectivo principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. Os contratos asínanse por un ano e a Xunta colabora no financiamento dos custos salariais totais dos axentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos.

Apoian tamén a contratación ou o mantemento de axentes en entidades sen ánimo de lucro para axudar a buscar emprego ás persoas que máis o precisan, como son os colectivos con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Con ambas medidas, a Xunta impulsa a Rede de técnicos de emprego de Galicia, que está especializada na promoción de novas oportunidades laborais para apoiar a xeración de novas actividades no ámbito local e rural.

0.13238382339478