A CIG califica de abusivos os servizos mínimos na folga da recollida do lixo de Vilalba

TerraChaXa
O concello de Vilalba resolveu onte as alegacións presentadas polos traballadores e traballadoras de Urbaser, empresa adxudicataria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, en folga desde o luns día 21 de agosto.
folga recollida lixo vilalba
folga recollida lixo vilalba
25 Ago 2023

O concello de Vilalba resolveu onte as alegacións presentadas polos traballadores e traballadoras de Urbaser, empresa adxudicataria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, en folga desde o luns día 21 de agosto. A CIG-Servizos denuncia que “lonxe de retractarse, o concello vén de confirmar os servizos mínimos abusivos decretados vulnerando así o dereito a folga do persoal”. Por iso insta ao goberno municipal a que “medie con interese” no conflito e que “non se poña do lado da empresa”.

Neste sentido, o representante da CIG-Servizos, Xosé Paz, subliña que “en ningún sitio se di que, en plena folga indefinida, os servizos mínimos nunha feira teñen que ser do 120% ou que nunha festa, como a prevista para esta fin de semana, teñan que ser mesmo superiores que os dunha fin de semana normal”.

Paz apunta que foron “insignificantes” os avances acadados coa empresa na xuntanza celebrada o pasado martes, porque en materia salarial Urbaser négase sequera a falar de calquera posible suba para os anos 2021 e 2022, xusto nos que máis incremento sufriu o IPC e que só aceptaría para 2023 unha suba do 4%; para 2024 do 3% e doutra tanto -3%- para 2025.

“O único que aceptarían serían cuestións menores, como proporcionar botas de goretex no canto de botas normais, cando xa están obrigados a facelo, porque os equipos de traballo son EPIs”, afirma.

Din que as traballadoras e traballadores deste empresa están ingresando agora, nas súas nóminas, 300€ menos que en 2011. E que se a iso se lle suma o IPC, que estivo desbocado estes últimos anos, realmente o cadro de persoal, hoxe en día, acumula unha perda de poder adquisitivo do 26-27%.

Por iso manteñen a folga indefinida iniciada a principios desta semana en demanda dun convenio digno e pola recuperación do poder adquisitivo.

0.18310499191284