A CIG condena a agresión "fascista" a un compañeiro sindicalista das Pontes

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
A central chama a non cesar no combate fronte aos discursos de odio e os ataques ás liberdades fundamentais
agresion-lesions
15 Oct 2026

A CIG condena a agresión sufrida polo compañeiro Luis Castro, da Unión Local das Pontes, mentres colocaba unha faixa relacionada coa folga polo convenio colectivo do comercio de alimentación. A central nacionalista alerta do incremento deste tipo de ataques e chama a non calar nin deixar sen denunciar ningunha acción que atente contra os dereitos e as liberdades democráticas.

O suceso produciuse a primeira hora da mañá do pasado martes, cando Castro estaba só colocando a faixa. Nese momento, achegóuselle un home descoñecido que comezou a insultalo con expresións como «rojo de mierda» e «nacionalista de mierda». Segundo relata a CIG, o agresor reivindicouse como ultradereitista e ameazouno dicindo «voy a acabar con vosotros», antes de propinarlle varios puñazos na cara e nas costas.

Como consecuencia da agresión, o sindicalista tivo que acudir ao centro de saúde das Pontes, desde onde foi derivado ao hospital de Ferrol. Os golpes provocáronlle a rotura dun dente e fortes dores na mandíbula e na zona lumbar. Castro tamén presentou a correspondente denuncia diante da Garda Civil.

A CIG considera que este episodio é un exemplo máis do incremento da violencia física e verbal contra a esquerda e, nomeadamente, contra o sindicalismo nacionalista, polo que representa de resistencia e loita fronte á dereita máis españolista e reaccionaria. A central sitúa estas agresións no actual contexto sociopolítico e acusa formacións como o Partido Popular e Vox de fomentar discursos de odio e mensaxes racistas, machistas e antinacionalistas, mentres promoven, segundo denuncia, unha exaltación aberta do franquismo e da represión.

O sindicato lembra tamén que nas últimas semanas se produciron en Ferrolterra ataques contra as instalacións da Cruz Vermella e pintadas no domicilio dun coñecido activista. Segundo a organización, o obxectivo destes feitos é «sinalar, deslexitimar e ameazar» a quen traballa na defensa da xustiza social.

Ante esta situación, a CIG advirte de que «a clase traballadora e o pobo galego non poden ficar impasíbeis» nin manter unha posición de equidistancia cando están en cuestión os dereitos laborais, as liberdades civís, os servizos públicos, o sistema de protección social e o recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza.

A central sindical chama, así, a intensificar a mobilización e a loita nas rúas e nos centros de traballo para facer fronte ao que define como «barbarie fascista».

0.14720296859741