A Comunidade de Montes de Piñeiro alerta sobre o mal estado da auga nunha das balsas do monte veciñal

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Piñeiro advertiu do estado preocupante dunha das balsas de auga situadas no monte veciñal, que o pasado 13 de outubro presentaba unha notable turbidez, unha coloración gris verdosa e un cheiro anormal, segundo denunciou nunha publicación.
A entidade sinala o contraste entre o estado da auga almacenada na balsa e a que chega a través das tubaxes, que presenta un aspecto limpo e cristalino. Por agora, asegura que descoñece as causas desta situación e evita atribuír responsabilidades sen probas, aínda que considera necesario prestar atención ao problema.
A preocupación aumenta pola situación de escaseza de precipitacións dos últimos meses, que reduciu considerablemente o caudal de pozos e mananciais, nalgúns casos ata deixalos practicamente secos. Neste contexto, as balsas convertéronse nun recurso importante para garantir o abastecemento de auga aos animais de varias explotacións gandeiras.
A comunidade considera especialmente preocupante que o aspecto e o cheiro da auga xeren dúbidas sobre a conveniencia de empregala para encher depósitos e abastecer os bebedeiros do gando.
A entidade lembra que, durante todos estes anos, tanto a Comunidade de Montes como a veciñanza de Piñeiro mantiveron unha actitude de colaboración e permitiron que outras persoas fixesen un uso razoable e respectuoso deste recurso común. Porén, insiste en que esa confianza debe ir acompañada de "responsabilidade e civismo".
Entre as recomendacións para conservar a calidade da auga, pide que as mangueiras, os tubos e os demais utensilios empregados para a extracción permanezan limpos, evitando introducir terra, lodos, restos ou calquera outra substancia na balsa. Tamén reclama actuar con coidado para non remover o fondo nin enturbar a auga destinada a outros usuarios.
A Comunidade de Montes advirte de que, se se detectan usos abusivos, masivos ou irresponsables, ou se se repiten situacións que poidan prexudicar a calidade da auga, terá que adoptar, dentro das súas competencias, "as medidas necesarias para regular ou restrinxir a súa captación".
A entidade subliña que non pretende impedir o uso da auga, senón preservar un recurso que pertence á comunidade e cuxo aproveitamento se permitiu durante anos con responsabilidade e boa vontade. Por iso, fai un chamamento ao respecto, á responsabilidade e ao sentido común para garantir que a balsa poida seguir sendo útil para toda a veciñanza.