A Deputación activa un protocolo de actuacións contra o coronavirus

TerraChaXa
A Deputación de Lugo, tras a reunión do Comité de Seguridade e Saúde da institución activou un protocolo de actuación que reforza as medidas de carácter preventivo e temporal para combater o coronavirus que xa foran adoptadas pola entidade dende a semana pasada.
13 Mar 2020

A Deputación de Lugo, tras a reunión do Comité de Seguridade e Saúde da institución activou un protocolo de actuación que reforza as medidas de carácter preventivo e temporal para combater o coronavirus que xa foran adoptadas pola entidade dende a semana pasada. Ademais, creou unha comisión permanente -conformada polo Comité de Seguridade e Saúde e por representantes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa-, que se reunirá todos os días para actualizalo, modificalo e amplialo en función da evolución da situación.

Dende principios desta semana, dende o Servizo de Prevención da Deputación establecérons pautas de prevención nos diferentes edificios provinciais. Todo o cadro de persoal ten para o seu uso, nos recibidores, dispensadores de solución hidroalcólica para facer unha antisepsia de mans. Ademais, facilitouse información de como facer un axeitado e completo lavado de mans para previr contaxios.

As medidas que contempla o protocolo para a protección dos traballadores e traballadoras da Deputación aprobadas na reunión do Comité de Seguridade e Saúde celebrado hoxe son as seguintes:

1. A limpeza das instalación dos diferentes centros da Deputación deberá extremarse, con limpeza de pasamáns e pomos das portas, controlando que exista xabón e papel de mans en tódolos centros e facendo un seguimento periódico diario.

2. Atención ao público: priorizarase a atención electrónica e telemática. Para o caso da atención presencial estableceranse se fose necesario as quendas imprescindibles para garantir a prestación do servizo.

3. Minimizaranse na medida do posible as reunións de traballo, reducíndose ao mínimo imprescindible o número de persoas asistentes e priorizándose e fomentándose a videoconferencia.

4. Evitar todas aquelas viaxes de traballo que non sexan imprescindibles para a normal prestación dos servizos esenciais.

5. Pospoñer as actividades formativas de carácter presencial, utilizándose medios telemáticos cando esta alternativa resulte posible.

6. Suspéndese o sistema de fichaxe nos centros de traballo con carácter temporal e excepcional, ata que as autoridades competentes en materia de saúde determinen o contrario.

7. No caso de producirse o peche de centros educativos e comunitarios aprazaranse as actividades que non sexan estritamente necesarias e actos de concorrencia pública nos diferentes centros da Deputación.

8. Adoptaranse as medidas pertinentes para poder instaurar modalidades non presenciais de traballo a todos o niveis, sempre que sexa posible, establecendo as prioridades cada Servizo, co obxectivo de garantir o adecuado funcionamento da entidade e a prestación dos servizos públicos.

9. Todas estas medidas serán susceptibles de modificación e ampliación en función da evolución da situación existente, que se abordará diariamente polo Comité de Seguridade e Saúde.

10. Crease unha comisión permanente, cos membros do Comité de Seguridade e Saúde e os presidente da Xunta de Persoal e Comité de Empresa, que se reunirá todos os días ás 14:00 nos locais do Servizo de Prevención.

Centros de Atención a Maiores
A Deputación decidiu elaborar unha Guía de Actuación para aplicar nos Centros de Atención a Maiores provinciais -Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada- en consonancia coas recomendacións a nivel estatal e autonómico co obxectivo de velar pola saúde e seguridade dos usuarios e usuarias. Ademais, pegáronse carteis nas instalacións con información de servizo ao respecto.

Esta Guía recolle consellos e pautas que inciden na importancia de protexerse e protexer aos demais fronte á enfermidade. Nela, explícase que se limitan as visitas a só unha persoa por usuario ao día tal e como recolle o protocolo a seguir da Xunta de Galicia, detállase como e cando lavar as mans, e explícase a suspensión de actividades grupais nas que participe poboación do exterior, entre outras medidas.

Peche de instalacións e suspensión de actividades
O Goberno Provincial decidiu pechar ao público, a partir de mañá, venres, as instalacións da Rede Museística Provincial, que inclúe o Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Museo Fortaleza San Paio de Narla. Tamén se pechará o Pazo dos Deportes e o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), incluíndo o espazo expositivo da Capela de Santa María.

Pola súa banda, decidíronse suspender eventos e actividades co fin de evitar situacións de risco de contaxio. Queda suspendido o Faladoiro Feminista previsto para este venres pola tarde no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo, no que ía intervir a xurista especializada en dereito de xénero Marta Busquets; as actividades de educación ambiental das Reservas da Biosfera previstas para esta fin de semana, as actividades do programa Movémonos da área de Deportes, e o concerto de Xoana enmarcado dentro do programa o Mes de Rosalía que se ía celebrar o sábado pola tarde no Pazo de San Marcos.

Ademais, quedan aprazadas as actividades que se ían desenvolver no salón de Actos do Pazo de San Marcos a partir de mañá. A Deputación poñerase en contacto coas asociacións e colectivos que tiñan reservado o espazo para informarlles desta medida.

0.14800381660461