A Deputación da Coruña reclama que polo menos a metade do canon da auga recadado reverta nos concellos

A Deputación da Coruña reclama á Xunta de Galicia un cambio no sistema de distribución dos fondos procedentes do canon da auga e do canon de xestión das depuradoras. O pleno provincial aprobou unha moción que propón que, como mínimo, o 50 % do recadado en cada concello se destine a investimentos no propio municipio.
A iniciativa, presentada polos grupos provinciais do PSdeG-PSOE e do BNG, contou cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, mentres que o Partido Popular votou en contra.
A proposta formula un modelo de reparto baseado en criterios técnicos e obxectivos. Ademais do retorno mínimo do 50 % aos municipios nos que se recadan os fondos, reclama destinar un 30 % a un fondo de solidariedade territorial para atender as necesidades dos concellos con maior dispersión poboacional ou dificultades, e reservar como máximo outro 20 % para os gastos de xestión e mantemento do sistema autonómico.
Piden máis transparencia sobre o destino dos fondos
A moción tamén solicita que a Xunta publique cada ano un informe detallado por concellos no que se indique canto se recadou mediante estes tributos e que investimentos se realizaron con eses recursos.
Os grupos propoñentes reclaman ademais unha planificación plurianual das actuacións para que os concellos poidan coñecer con antelación as obras previstas e organizar os seus propios investimentos.
O canon da auga ten carácter finalista e está destinado a financiar actuacións relacionadas co abastecemento, o saneamento, a depuración e a protección dos recursos hídricos.
Durante o debate, o portavoz socialista, Bernardo Fernández, cuestionou a falta de información pública sobre o retorno dos fondos e puso como exemplos os casos de Oleiros, Boiro e As Pontes.
Segundo os datos expostos no pleno, Oleiros tería recadado máis de 9 millóns de euros en doce anos sen investimentos equivalentes, mentres que Boiro tería achegado arredor de 3 millóns en oito anos e As Pontes, 2,3 millóns. Estas cifras foron presentadas durante o debate da moción e forman parte dos argumentos dos grupos que a apoiaron.
O portavoz do BNG, Avia Veira, centrou a defensa da proposta na necesidade de aumentar a transparencia, mellorar a planificación e garantir un maior equilibrio territorial. A nacionalista tamén destacou o papel dos concellos na recadación destes tributos e reclamou que unha parte dos recursos se traduza en novas infraestruturas hidráulicas.
Pola súa banda, o portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, referiuse especialmente á situación de Oleiros, Sada, Cambre e Bergondo e reclamou que os ingresos derivados da xestión da auga se destinen tamén á mellora das redes e dos servizos municipais.
O PP defende o carácter solidario do sistema
O Partido Popular rexeitou a moción e defendeu que os fondos non deben repartirse exclusivamente en función do lugar no que se recadan. O portavoz popular, José Manuel Caamaño, sostivo que o actual modelo ten un carácter solidario e que a distribución dos recursos responde a criterios técnicos.
Durante o debate, Caamaño afirmou tamén que a Xunta destinou 144 millóns de euros en investimentos fronte aos 60 millóns recadados, en referencia ao conxunto do sistema.
A moción aprobada pola Deputación establece así unha proposta concreta de reparto dos ingresos e reclama á Administración autonómica maior información pública sobre a recadación e os investimentos realizados en cada municipio.
Dúas declaracións institucionais aprobadas por unanimidade
O pleno provincial aprobou tamén por unanimidade dúas declaracións institucionais asinadas polos catro grupos da Corporación.
A primeira manifesta o apoio da Deputación ás familias beneficiarias da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outras enfermidades graves e reclama cambios lexislativos que permitan, en determinados supostos de discapacidade igual ou superior ao 65 % ou gran dependencia, ampliar de maneira excepcional a prestación e o permiso laboral máis aló dos 26 anos.
A segunda declaración expresa a solidariedade da Corporación provincial coa situación de Ceuta e reclama coordinación entre as administracións, recursos suficientes e garantías para a protección dos dereitos humanos e da cohesión social.