A Festa da Filloa de Muimenta aposta pola colaboración con outras festas gastronómicas da provincia

A Festa da Filloa de Muimenta, que se celebra o próximo 1 de maio, continuará este ano ampliando o seu programa de actividades cunha iniciativa destinada a reforzar a colaboración con outras festas gastronómicas da provincia de Lugo. O obxectivo deste proxecto é garantir a continuidade do evento no tempo mediante a unión de esforzos, o intercambio de sinerxías e a promoción conxunta destas celebracións na comarca da Terra Chá.
Neste contexto, a organización convidou a diferentes eventos gastronómicos a participar na xornada do vindeiro 1 de maio. Entre eles atópase a XLVI Feira do Viño de Amandi, do Concello de Sober, que estará representada polas adegas Ágeda Gullufre e Vividade, ambas recoñecidas co primeiro premio en tintos da última colleita. A súa presenza prodúcese tras a visita realizada o pasado 11 de marzo por filloeiras de Muimenta á Ribeira Sacra.
Tamén participará a XXXII Festa do Queixo e Pan de Ousá, do Concello de Friol, outra celebración recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. Neste caso, estarán presentes a Panadería Casa Grande, representada por María José Varela Simón, e o produtor de queixo Óscar Santos Buján.
A iniciativa complétase coa presenza doutras citas gastronómicas da provincia, como a VII Festa da Enfariñada de Trabada, que se celebrará o 3 de maio, e a V Festa Degustación do Requeixón de Vilamartín Pequeno, no municipio de Barreiros. Esta última, impulsada pola Asociación Cultural e de Festexos Terras de Vilamartín desde o ano 2022, busca poñer en valor o requeixón como produto tradicional ligado á cultura culinaria galega e á produción láctea local.
Con esta proposta, a organización da Festa da Filloa pretende consolidar unha rede de colaboración entre eventos gastronómicos que contribúa á súa proxección e dinamización turística no conxunto da provincia.