A igrexa de Santo Estevo de Parga

TerraChaXa
A igrexa de Santo Estevo de Parga está situada na parroquia homónima do Concello de Guitiriz, erixida no cumio dun pequeno outeiro cruzando o río dende a Área Recreativa da Carballeira”, acompañada de preto polo que queda do antigo Castelo de Parga.
Míriam Fernández
1 Ago 2017

A igrexa de Santo Estevo de Parga está situada na parroquia homónima do Concello de Guitiriz, erixida no cumio dun pequeno outeiro cruzando o río dende a Área Recreativa da Carballeira”, acompañada de preto polo que queda do antigo Castelo de Parga. Esta elevación foi un punto estratéxico territorial dende época prerromana, lugar onde se erixiron distintos recintos e fortificacións que foron evolucionando segundo as etapas da historia, deixándonos un valioso fío condutor para coñecela.

O edificio trata dunha igrexa románica construída no século XII, a cal polo seu aspecto nos desvela que sufriu unha serie de transformacións que lle deixaron fondas pegadas. Posúe unha planta dunha soa nave rectangular a dúas augas con cabeceira a catro, á que posteriormente se lle engadiría unha sacristía rectangular no lado esquerdo. A nave principal conserva parte dos antigos muros de cachotaría que reservan a sillería para portas fiestras, mentres que no resto do edificio predomina o emprego de grandes sillares, froito das reformas posteriores que chegaron a influír no incremento da altura do edificio.

Do exterior destaca a fachada barroca do século XVIII estruturada en dous corpos, un inferior enmarcado por volutas e pináculos e unha espadana superior de dobre campá, coroada por un triángulo decorado con volutas e pináculos. Nos nos aleiros do edificio atopamos algún canzorro esquemático, preto da fachada un curioso reloxo de sol e á dereita da porta lateral unha peza decorada mediante entrelazos, reutilizada posiblemente da antiga fábrica.

No interior as mostras da evolución estilística seguen a ser claras, pois nos paramentos da cabeceira e dos muros da nave atopamos restos dunha notable decoración pictórica ó fresco que data do século XV, a cal pola súa distribución apunta a que se estendería por todos os muros do edificio. No paramento frontal da cabeceira, descubertas tras o desprazamento do antigo retablo barroco para a súa restauración, atopamos as escenas da Anunciación e do Cristo en maxestade, co anxo Gabriel á esquerda, a Virxe María á dereita e a Cristo no centro, do cal pouco conservamos debido á posterior apertura dunha fiestra. Por outra banda, nos muros da nave inmediatos á cabeceira atopamos un ciclo da Paixón: Cristo cargando coa Cruz, a Crucifixión, a Piedade e Resurrección. Todas elas preséntanse enmarcadas mediante traballadas cenefas e nelas apréciase unha coidada e detallada execución, o que denota o traballo dun taller pictórico con grande experiencia no campo. Noutras seccións do paramento percibimos tamén restos de pintura non figurativa, unha serie de cuadrículas que se estenderían polo resto do espazo.

Por último, compre apuntar outros elementos e obxectos significativos que se atesouran na igrexa, como son tres exemplos de altares barrocos, unha ara romana na cabeceira e unha traballada cruz procesional antiga, mentres que no atrio atopamos unha pía bautismal gótica e tres sarcófagos antropomorfos de cabeza de ferradura, un tipo de enterramento común na Península ata o século XV que presenta un contorno humano tallado na pedra no que se coloca o defunto.

Despois de todo o mencionado anteriormente é innegable a beleza e a singularidade desta pequena igrexa parroquial, unha obra arquitectónica que sobreviviu e se transformou ó longo do tempo, erixida sobre os cementos dos primeiros poboadores do lugar e que soubo atesourar durante séculos e dar mostra dunha variedade de elementos que nos falan da historia da parroquia chairega de Santo Estevo de Parga.

Míriam Fernández Otero.

Anunciacion Cristo
sarcofago antropomorfo
0.10709500312805