“A miña vinculación con Vilalba fraguouse na miña infancia. A relación cos meus avós maternos foi unha influencia enorme”

TerraChaXa
Daniel Veiga Roca, músico e director da Banda de Música de Vilalba será o encargado de abrir os festexos
daniel-veiga-director-banda-de-musica-vilalba
30 Aug 2026

O pregoeiro das festas de Vilalba será este ano Daniel Veiga Roca, músico vilalbés cunha destacada traxectoria profesional que comezou precisamente na Banda de Música de Vilalba, onde iniciou a súa formación sendo un neno. Tras completar estudos en distintos conservatorios e centros superiores e colaborar con formacións orquestrais de referencia tanto nacionais como internacionais, actualmente é clarinete solista da Orquesta Sinfónica Ciudad de Zaragoza, colaborador habitual da Real Filharmonía de Galicia, profesor do Conservatorio Profesional e da Escola de Música de Vilalba e director da Banda de Música de Vilalba.

O acto terá lugar na tarde deste domingo, xunto ao acto de entrega do premio do Certame Literario, a partir das 19.00 horas.

Como recibiu a noticia de que foi escollido para ser pregoeiro das festas?

Pois nun primeiro momento con algo de síndrome do impostor... penso que é humano sentir que calquera outro podería estar nese lugar e facelo mellor. Pero moi rapidamente tomeino con moita ilusión e como unha oportunidade de dar visibilidade ao meu traballo e á tradición musical en Vilalba.

Ten unha gran vinculación co pobo e a súa actividade?

Si, sobre todo nos últimos anos. Ao ser profesor de clarinete na Escola de Música, no Conservatorio e director da Banda estou en contacto con moitas familias. Ademais, no ámbito persoal, gústame facer vida social en Vilalba e acudir, sempre que podo, ás actividades culturais.

Ten percorrido moito mundo, pero non deixa Vilalba atrás. Que lle une tanto á vila?

Penso que a miña vinculación con Vilalba fraguouse hai moitos anos, na miña infancia. A miña relación cos meus avós maternos foi unha influencia enorme no meu carácter e na miña personalidade, xa que eran persoas moi activas na vida social e cultural da vila. Lembro acompañalos desde moi pequeno aos ensaios da Coral Polifónica e que me levaran a moitas actuacións no Auditorio Municipal: teatro, ballet, música de varios estilos... E todo isto foi o xerme de todo o que viría despois. Ademais, comezar na Banda de Música tocando o clarinete fíxome pasar a formar parte dunha familia musical que sempre que volvía estaba aí, polo que si que sentín sempre un forte vencello con Vilalba.

Pode adiantarnos un pouco do que vai falar no pregón?

Gustaríame, pero son moitas as ideas e aínda é preciso rematar de darlles forma. O que si é seguro é que a música e a Banda de Música de Vilalba terán un papel protagonista acorde ao que supoñen para min.

Que lembranzas garda das festas e da súa evolución?

Das festas gardo unha lembranza sempre boa, aínda que aquí en Vilalba teñen un sabor agridoce ao supoñer o remate do verán. Lembro de neno acudir con moita ilusión á Festa da Bicicleta e ter por tradición cear os churros á volta. Lembro tamén vivir a Xira con moita intensidade os primeiros anos nos que os meus pais me deixaban facelo cun pouco máis de liberdade. E lembro que estas datas foron, durante moitos anos, o meu punto de encontro con moita xente cando vivín fóra de Vilalba, o que facía que as marcase sempre como unha cita ineludible. As festas foron cambiando, como é normal, pero noto máis como fun cambiando eu e como, aínda así, non deixaron de ser unha data importantísima para min.

Como se iniciou na música? E como foi crecendo con ela?

Os meus comezos foron aquí, nos Cursos de Iniciación que a Banda de Música de Vilalba organizaba hai uns anos. O meu avó propúxome ir para probar se me gustaba e penso que conectei desde o primeiro momento. Ao principio era unha actividade máis e non me plantexaba unha vida profesional relacionada coa música, pero sempre me gustou e pouco a pouco fun véndoo como unha opción a ter en conta. Agora mesmo, a música ten un papel moi importante na miña vida: traballo como docente e como director de banda, pero tamén me manteño como intérprete e fago arranxos para a propia banda.

Que lle queda por facer? Cal vai ser o próximo obxectivo?

Quédanme moitísimas cousas por facer, pero aínda non sei cales. Sempre deixei que a vida me fora levando e marcando o camiño. En mente hai moitos proxectos e moitas ideas que me gustaría levar a cabo... pero o tempo é limitado e non sempre se pode facer todo o que se quere. Agardo que veñan moitas cousas boas aínda que, como ata agora, sexa preciso traballar moito para conseguilas.

A BANDA DE MÚSICA DE VILALBA

A Banda de Música de Vilalba mantén viva unha tradición musical con décadas de historia.

A formación naceu a partir da Escola de Música creada polo Concello de Vilalba en 1987, tras varios anos de escasa actividade musical na vila. Despois de anos de formación e coa adquisición dos instrumentos por parte do Concello, a banda ofreceu a súa primeira actuación na Semana Santa de 1990.

No ano 2011, durante a celebración do 30 aniversario da formación, César Concheiro Guerrico lle pasou a batuta a Daniel Veiga Roca, que asumiu desde ese momento a dirección da Banda de Música de Vilalba.

Ao longo destes anos, a Banda de Música de Vilalba levou a súa música por diferentes puntos de Galicia, Asturias, León e Portugal, ademais de participar en intercambios, circuítos culturais e numerosas actuacións.

A formación tamén conta con presenza en medios como a Televisión de Galicia, Radio Galega e Televisión Española en Galicia, así como con dúas gravacións discográficas, realizadas en 1995 e 2001.

PROGRAMA COMPLETO

0.14816093444824