Manter a esencia

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
carlos gegundez
21 Out 2023

Por Carlos Gegúndez

O comezo da festa popular de San Froilán está datado no ano 1754 e máis de dous séculos despois segue adiante. Como é ben sabido as nosas patronais foron orixinariamente unha feira de gando, mais pouco a pouco evolucionaron cara un evento no que os animais lles foron cedendo o protagonismo ás persoas. Esa mudanza segue a producirse e así debe ser porque unha festa é algo vivo, dinámico, que muta ao mesmo tempo ca sociedade que a celebra e que se vai adaptando a cada tempo.

Houbo momentos nos que este evento era seguramente o máis importante da provincia e o que máis beneficios lle reportaba ao sector turístico, contaba cun poder de convocatoria extraordinario e o seu grande éxito radicou en boa medida na forte ligazón existente entre as xentes da provincia e a propia celebración. A participación dos veciños e veciñas chegados dos nosos pobos e aldeas sementaron a verdadeira identidade desta bicentenaria festividade e tamén foron partícipes destacados na construción do seu pasado mítico, fundamental para a súa consolidación.

O San Froilán é algo máis que unha celebración relixiosa, moito máis que unha festa na que se goza con máis ou menos excesos das xuntanzas entre familiares e amigos, marca ademais para os lugueses un antes e un despois nos seus biorritmos. Por exemplo, algúns deses propósitos que as persoas adoitan facer despois do verán como aforrar máis, aprender inglés ou perder uns cantos quilos vanse atrasando ata que pasa o 12 de outubro, o final de festa.

As patronais de Lugo eran tamén hai anos atrás a oportunidade de ver cousas novas, espectáculos mesmo perigosos como aquel no que intrépidos motoristas se entrecruzaban polas paredes do Pozo da Morte ou a funambulistas camiñando por un cable no ceo da praza Maior. Noutros casos, a proposta non era tan arriscada, mais moi sedutora como cando puidemos coñecer en vivo e en directo ao mediático Kitt. A visita do coche fantástico fora un acontecemento de enorme magnitude nun momento álxido daquela serie televisiva de sobremesa que gustaba a todos os adolescentes. A globalización e as novas tecnoloxías, nomeadamente a aparición de internet, acabou con ese factor sorpresa que tiñan as festas, porén seguen a xerar oportunidades de negocio na capital e continúan atraendo visitantes. Por sorte, os servizos de hostalaría e restauración xa non son tan dependentes da actividade económica xerada polas mellores festas do outono galego que diría un insigne mindoniense. Eventos como o Arde Lucus, o Caudal Fest e o propio incremento no número de visitantes á cidade en datas sinaladas ou de tempada alta como o Nadal, a Pascua e os meses do verán que está a mobilizar aos turistas por toda a xeografía española, tamén está beneficiando claramente a Lugo nos últimos tempos.

Se agora que pasou outro San Froilán facemos un inquérito entre empresarios e traballadores do sector turístico, as opinións serán diverxentes, uns dirán que foron mellores que outras veces e outros dirán o contrario. É normal, xa se sabe que o refrán non erra neste caso e que cada un fala da feira como lle vai nela, nunca mellor dito pensarán os avezados lectores. Algúns dirán que a pesar de contar cun elemento incontrolable como aliado, a climatoloxía, as expectativas non se cumpriron e outros apuntarán á inflación como principal elemento detractor de gasto.

O debate pode abrirse e pensar en que hai que mellorar a festa e mesmo mudar cousas, non sería a primeira vez e penso que non é malo, pódense ir incorporando novidades, pódense mellorar as actuacións musicais ou complementar o programa con outros eventos. Ora ben, para iso cómpre aumentar o investimento que nesta última edición se reduciu de forma considerable e coido que non é tan doado. Tampouco podemos pretender que agora que se ampliou a oferta turística e de ocio con outros eventos na cidade, o San Froilán manteña ou incremente o volume de negocio das mellores épocas, é probable que para conseguir este propósito cumpriría captar novos visitantes.

En calquera caso, é importante coidarmos a festa por excelencia de todos os lugueses e luguesas. Nesta tarefa é fundamental, alén do investimento, o consenso e o negocio, primeiro dialogar e despois acordar. Ao redor da mesa deberían estar os grupos políticos municipais, axentes turísticos, agrupacións e asociacións veciñais e culturais, mesmo outras entidades públicas e privadas de relevancia que poidan aportar ideas e darlle valor á celebración.

O acordo non é tan complicado se hai vontade, como mostra de consenso pode valer o dos tres grupos políticos con representación na corporación municipal, unánimes na escolla da pregoeira desta edición. No meu punto de vista, todo un acerto. Unha muller, científica, veciña da provincia, que saíu de entre a xente do común, non se trata dunha figura mediática televisiva nin pertence a ningunha saga nin familia de rancio aboengo. Sonia Villapol coa súa traxectoria vital e profesional e co seu emotivo discurso na apertura das festas trasladounos a moitos a nosa infancia, refrescounos a memoria e na nosa mente agromaron recordos, lembrándonos o verdadeiro espírito da festa. Pódense facer mudanzas para que as patronais xeneren boas oportunidades de negocio, ora ben, sempre tendo en conta a obriga de respectar obxectivos de desenvolvemento sostible como o consumo responsable e o da necesidade de contarmos con cidades sostibles en harmonía coa Axenda 2030. Tampouco podemos esquecer que hai cousas que nunca deberiamos perder, aqueles que todos e todas identificamos sen pensar moito: o son do tiruliru que advirte o despegue dun carrusel, o desfile do gando que afortunadamente recuperamos, os traxes rexionais galegos no Domingo das Mozas ou o recendo glorioso dos caldeiros de cobre que van cociñando un xantar en familia ou con amigos, esas cousas son as que nos animan a gozar da festa, facer a feira, manter a esencia.

0.18159484863281