A RAG traslada o pleno do Día das Letras Galegas ao 31 de outubro

TerraChaXa
A Real Academia Galega acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19.
13 Apr 2020

A Real Academia Galega acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19.  A sesión mantense no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol, pero trasladarase do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro, xusto o día despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. De igual xeito, os demais actos presenciais que a institución tiña previsto celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas terán lugar á volta do verán.

A Real Academia Galega tomou esta decisión ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos. A medida, inédita nos cincuenta e sete anos de historia do Día das Letras Galegas, adóptase dende a responsabilidade ineludible, que esixe priorizar a seguridade do público asistente e de todas as persoas implicadas na organización dun acto destas características. O cambio de data desta e doutras iniciativas pretende tamén prolongar a celebración do Ano Carballo Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega.

Malia os cambios no calendario de actividades presenciais arredor do Día das Letras Galegas, a RAG quere que o 17 de maio sexa igualmente unha gran celebración colectiva e fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que sexa así valéndose das posibilidades do mundo dixital que tanto se están a aproveitar nestes tempos de obrigado afastamento social. Nesta liña, a institución reforzará nas vindeiras semanas na Rede as iniciativas de divulgación da figura e da obra do filólogo, escritor e profesor Carballo Calero, tanto a través da súa páxina web principal, academia.gal, e do proxecto para o público infantil Primavera das Letras (primaveradasletras.gal) como do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal).

A entrada en vigor do estado de alarma o pasado 15 de marzo xa obrigara a Real Academia Galega a adiar o acto centrado no labor como dramaturgo de Ricardo Carballo Calero que estaba a organizar da man de Santiago Fernández, que xunto con Manuel Lorenzo dirixe o estudio teatral Casa Hamlet. O programa ía desenvolverse na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, o pasado 25 de marzo, cadrando co trixésimo cabodano do autor e nas vésperas do Día Mundial do Teatro.

Outro acto que terá que ser reprogramado á volta do verán é a homenaxe ao labor de Ricardo Carballo Calero como docente, e como parte da resistencia galeguista na posguerra, que a RAG ía celebrar o 7 de maio en colaboración co Colexio Fingoi, o centro educativo lugués que o autor dirixiu dende 1950 ata o seu regreso en 1965 a Santiago de Compostela, onde se fixo cargo das primeiras aulas de galego na universidade. Tamén no outono, como vén sendo habitual, terá lugar o Simposio das Letras Galegas.

Tendo en conta o impacto que pode estar a ter a suspensión das clases presenciais no desenvolvemento de parte dos proxectos escolares dedicados a Ricardo Carballo Calero, a RAG ampliará ata despois do outono o prazo de participación no concurso Contádenos o voso Día das Letras –convocado ao abeiro do proxecto Primavera das Letras­– e anima o profesorado a que, alén de promover accións virtuais nas vésperas do propio 17 de maio, estenda as iniciativas arredor da figura e da obra do homenaxeado ao primeiro trimestre do curso próximo.

0.16085290908813