A Xunta abre unha serie de axudas para agricultores e gandeiros afectados pola pandemia

TerraChaXa
Os agricultores e gandeiros galegos, así como as pequenas e medianas empresas agroalimentarias da nosa comunidade, poderán beneficiarse de axudas directas e préstamos para facer fronte ás consecuencias negativas provocadas pola covid-19.
21 Out 2020

Os agricultores e gandeiros galegos, así como as pequenas e medianas empresas agroalimentarias da nosa comunidade, poderán beneficiarse de axudas directas e préstamos para facer fronte ás consecuencias negativas provocadas pola covid-19. Esta posibilidade será unha realidade grazas á modificación do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia aprobada polo seu comité de seguimento, nunha xuntanza presidida polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e autoridade de xestión deste programa, Nicolás Vázquez.
Este cambio posibilitará a posta a disposición do sector de preto de 24 millóns de euros destinados a aliviar os problemas de liquidez rexistrados de maneira especial por determinados eidos produtivos. Estes fondos forman parte, tal e como se comprometera a Xunta, do Plan de reactivación e dinamización do medio rural aprobado polo Goberno galego e que suporá, en total, o investimento de 165 millóns de euros para paliar as perdas ocasionadas pola covid-19.
Axuda directa
Así, por un lado habilitarase unha axuda directa por importe de 12 millóns de euros de gasto público total para os sectores do vacún de carne e de planta ornamental e flor cortada. Por outra banda, dotarase con outros 12 millóns de euros o instrumento financeiro para capital circulante e investimentos en transformación e comercialización, así como en desenvolvemento de produtos agrícolas. No primeiro caso, as axudas directas articúlanse como unha compensación por manter a actividade en función das unidades de traballo manual ou das vacas nutrices existentes no momento da declaración do estado de alarma. Os beneficiarios serán os produtores de vacún de carne, por un lado, e os produtores de flor cortada e de planta ornamental así como as súas agrupacións, por outro.
No que atinxe ao vacún de carne, as axudas oscilarán entre os 900 e os 7.000 euros, en función do número de vacas nutrices. Pola súa banda, os produtores de flor ou planta ornamental e as súas asociacións poderán percibir achegas por importe máximo de 7.000 euros (para os produtores) e de 50.000 euros (para as pemes que se dedican á comercialización).
Préstamos
Con respecto ao instrumento financeiro dirixido á concesión de préstamos garantidos, trátase dunha medida de apoio ás pequenas e medianas empresas que se dedican á transformación, comercialización ou desenvolvemento de produtos agrícolas. Esta medida prevé a posibilidade de garantir con fondos Feader empréstitos destinados ao capital de explotación destas pemes. A súa xestión farase en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través do seu Instrumento Financiero de Gestión Compartida (IFGC).
Así, a axuda abarcará tanto investimentos materiais ou inmateriais como gastos de capital circulante e irá dirixida a industrias agroalimentarias. No caso dos investimentos, servirá para apoiar aqueles relacionados coa introdución de novas tecnoloxías e procedementos, a creación e modernización de instalacións, o tratamento de augas residuais, actuacións relacionadas coa xestión da calidade ou a seguridade alimentarias ou o procesado de subprodutos agrarios e agroindustriais, entre outros.
Consenso
Esta modificación do PDR faise, pois, co fin de dar resposta ao impacto da covid-19 naquelas producións do sector primario e industria agroalimentaria máis afectadas. A selección destes sectores fíxose de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario, aos que o pasado 16 de xuño se lles pediu colaboración para determinar aqueles eidos máis afectados. Así, para seleccionalos tivéronse en conta criterios obxectivos sobre perdas constatables que poden supoñer un risco para a súa continuidade empresarial.
Para dotar estas medidas do programa realízanse axustes noutros apartados, pero sempre garantindo fondos suficientes para atender os compromisos existentes e a posta en marcha de novas actuacións en 2020 e 2021. Isto, ademais, tendo en conta a próxima publicación do regulamento de transición que suporá a prórroga dos PDR para os anos 2021 e 2022 -incluído o galego- e proveerá de novos recursos a esta programación. Deste xeito poderán restituírse as dotacións económicas nas medidas agora modificadas. Así, a autoridade de xestión do PDR entende que esta modificación ten un carácter excepcional e temporal, que non afecta ao normal desenvolvemento das actuacións postas en marcha actualmente dentro desta programación.

0.18905687332153