A Xunta concede a Bandeira Verde a 6 concellos da provincia

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
A Xunta concede a Bandeira Verde a 6 concellos. Cervo e Ribadeo por primeira vez e Alfoz, Mondoñedo, Outeiro de Rei e Sober repiten
bandeiras verdes provicnia de lugo
22 Oct 2022

Os municipios de Cervo e Ribadeo son galardoados por primeira vez e os de Alfoz, Mondoñedo, Outeiro de Rei e Sober revalidan a Bandeira Verde de 2021.

A Xunta de Galicia vén de recoñecer 15 concellos como territorios responsables coa concesión da Bandeira Verde, un distintivo que ten por obxecto enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

Durante o acto de entrega destes distintivos, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que cada vez son máis os concellos que se suman a esta iniciativa. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 15 os municipios distinguidos, 6 máis que o pasado 2021.

Logo de felicitar aos concellos da Laracha, Cervo, Muros, Ribadeo, Ribeira e Touro por ser galardoados por primeira vez e aos de Alfoz, Curtis, Moaña, Mondoñedo, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son e Sober por revalidar a Bandeira Verde de 2021, Ángeles Vázquez animou a todos os municipios a presentarse a este galardón que pretende “sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais están facendo polo futuro de Galicia” grazas a accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.

A conselleira tamén incidiu no aposta do Goberno galego por unha Galicia verde. No ano 2023 a Xunta destinará 80,6 millóns de euros a actuacións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos.

Cómpre lembrar que o distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1677930355072