A Xunta dá o visto bó para a declaración da Feira do Poldro de Muras de Interés Turístico de Galicia

TerraChaXa
O Consello Galego de Turismo informou  favorablemente da posible declaración de catro novas festas de interese turístico de Galicia.
poldro_muras
18 Dec 2018

O Consello Galego de Turismo informou  favorablemente da posible declaración de catro novas festas de interese turístico de Galicia. Esta decisión é o paso previo á elevación dos respectivos informes ao Consello de Goberno de Xunta para proceder á aprobación definitiva deste recoñecemento.

En concreto, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos contemplados no decreto 4/2015, deuse o visto bo a que obteñan esta distinción a Festa da Romaxe das Cruces, en Ribadeo; a Feira do Poldro e Gando do Monte, en Muras; a Semana Santa de Lugo e a Romaría do San Brais de Bembrive. Así mesmo, abordouse o caso doutra serie de festas cuxa declaración foi denegada. Ao respecto, valorouse o labor realizado polos seus responsables e concellos e animouse a continuar traballando na súa organización e singularidade. Trátase de Festa dos Callos, de Salceda de Caselas; a Festa do San Xoán da Pena Molexa, de Narón; a Festa da Chaira Labrega de Guitiriz e o Entroido do Grove.

O Consello Galego de Turismo está composto por representantes de distintos departamentos da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), das universidades e do sector turístico. En concreto, forman parten del empresas de restauración, de establecementos de turismo rural, axencias de viaxes e centrais de reserva, hoteis balneario e hoteis talaso e campamentos de turismo. Tamén o integran representantes sindicais e de consumidores e usuarios, así como persoas especialistas neste ámbito.

Na reunión, os integrantes do Consello Galego de Turismo tamén referendaron a declaración do concello de Pantón como municipio de interese turístico, unha vez corroborado que cumpre as condicións recollidas no decreto 32/2015 así como os distintos aspectos necesarios.

0.16115093231201