A Xunta inviste nun programa pioneiro para impulsar a xestión sostible nas Fragas do Eume

A Xunta de Galicia traballa no desenvolvemento dun programa pioneiro na Comunidade e centrado no Parque Natural das Fragas do Eume co obxectivo de incrementar a superficie pública deste espazo —a través de compra directa de parcelas e doutras fórmulas alternativas— destinada a xestionala desde unha perspectiva ambiental en que prime a protección dos seus hábitats e a restauración daqueles que estean en retroceso.
Cun investimento ata o momento de 2 millóns de euros, o Consello coñeceu os avances acadados desde a súa posta en marcha no ano 2024, así como o acordo pechado recentemente e que permitirá darlle un pulo significativo ao programa grazas á cesión de 1.000 hectáreas de montes públicos dentro do parque natural, que pasarán así a ser xestionados directamente pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O Parque Natural das Fragas do Eume constitúe un dos espazos naturais máis relevantes de Galicia e do conxunto da rexión atlántica europea debido á súa excepcional representatividade de bosque autóctono caducifolio. De feito, o seu ecosistema alberga unha gran diversidade biolóxica e unha variedade de hábitats de interese comunitario que fan prioritaria a súa conservación desde un punto de vista ambiental.
En todo caso, a xestión deste espazo protexido viuse historicamente condicionada pola fragmentación da propiedade, cunha importante presenza de terreos de titularidade privada (que supoñen o 80 % do total) e de aproveitamentos forestais intensivos, o que dificultou a aplicación de medidas de conservación eficaces e coordinadas.
Coa aprobación no ano 2023 do Plan reitor de uso e xestión deste espazo reguláronse, entre outras cuestións, actuacións de restauración ecolóxica e de recuperación do bosque autóctono coa obriga por parte da Administración xestora de actuar ante procesos de degradación, fragmentación ou substitución dos hábitats propios dunha fraga atlántica.
Neste contexto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático deseñou un programa para a ampliación da superficie de titularidade pública no Parque Natural das Fragas do Eume destinado á preservación da biodiversidade e dos hábitats naturais que se puxo en marcha no ano 2024 e se articula arredor de tres liñas de traballo estratéxicas.
A primeira e máis innovadora consiste na compra de parcelas no interior do parque a través de acordos voluntarios cos seus propietarios privados. Grazas a estas operacións, iniciadas hai dous anos, a Xunta de Galicia adquiriu xa un total de 131 parcelas que ocupan 144,6 hectáreas en zonas clave do parque ben para reducir a fragmentación, ben para crear corredores ecolóxicos ou ben para consolidar bloques continuos dos bosques autóctonos de fraga atlántica, o que garante a longo prazo unha planificación coherente cos obxectivos de conservación e restauración ecolóxica fixados no PRUX.
Ata o momento, a Consellería destinou xa 1,52 millóns de euros a custear todos os gastos relacionados con estas operacións, desde os traballos previos de localización e análise dos terreos, ata as valoracións económicas e, finalmente, as compras e o deseño e a execución das actuacións de acondicionamento posteriores á adquisición.
Neste orzamento está incluído xa un último lote de 28 parcelas e 24,6 hectáreas cuxa compravenda se prevé pechar antes de que remate o mes de maio. En todo caso, a intención é seguir apostando pola adquisición voluntaria de terreos xa que, no día de hoxe, a Xunta ten constancia de máis de 150 propietarios con arredor de 900 parcelas catastrais dentro do parque interesados en participar en futuras operacións.
Acordo de cesión de montes públicos en Monfero
En canto á segunda liña de traballo, permitirá a cesión de cinco montes públicos adscritos actualmente á Consellería do Medio Rural e que grazas a un recente acordo serán transferidos á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, órgano xestor do parque natural. Nestes momentos estanse a ultimar os detalles administrativos que permitirán facer efectiva a cesión, que afecta montes patrimoniais localizados integramente en Monfero e suman case 1.000 hectáreas.
Deste xeito, garantirase un aumento moi significativo da superficie do parque sometida a unha xestión pública orientada a garantir a sostibilidade dos hábitats naturais, permitindo así implementar actuacións de restauración ecolóxica a grande escala e redefinir os usos deste solo (localizado maioritariamente na zona definida no PRUX como de uso compatible e, en menor medida, na de uso limitado) desde un novo enfoque ambiental.
A terceira e última liña estratéxica impulsada nas Fragas do Eume pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático céntrase na restauración ecolóxica do ecosistema propio e característico deste tipo de bosques con medidas destinadas a recuperar a súa estrutura e o funcionamento orixinais.
Neste sentido, cómpre indicar que o programa prevé, tanto no presente como no futuro, diferentes tipos de intervencións sobre os terreos adquiridos e cedidos, destacando como principais actuacións a eliminación progresiva de especies alóctonas cun impacto negativo sobre a contorna, o fomento da rexeneración natural dos bosques autóctonos para avanzar na recuperación dos ecosistemas e con reforestacións complementarias recorrendo sempre a material vexetal propio procedente do banco de sementes das Fragas do Eume para preservar a diversidade xenética local.
Ademais, para garantir o éxito destas medidas e realizar unha xestión adaptativa que permita introducir, de ser necesario, posibles cambios, farase un seguimento ecolóxico das actuacións co fin de que permita avaliar a evolución do ecosistema e os resultados obtidos.
Este programa deseñado para preservar a biodiversidade das Fragas do Eume compleméntase por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cunha serie de investimentos, actuacións directas e axudas económicas que suman nos últimos anos algo máis de 500.000 euros.
En particular, cómpre destacar os 220.000 euros investidos na restauración de dúas pontes colgantes, os 120.000 euros destinados a labores de divulgación ambiental e científica entre visitantes e escolares de centros da contorna ou os 50.000 euros gastados na mellora da sinalización e no acondicionamento de sendeiros, actuacións todas elas que contribúen a reforzar o uso público do parque natural. Así mesmo, no período 2024-2025, a Xunta concedeu tamén axudas por un importe global de 115.000 euros a propietarios, concellos e outras entidades con intereses no Eume para actuacións de restauración ambiental e intervencións sobre elementos patrimoniais do parque.
Un dos bosques atlánticos mellor conservados
O Parque Natural Fragas do Eume atópase ao nordeste da provincia da Coruña —cunha superficie de 9.106 hectáreas que se estenden polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, As Pontes de García Rodríguez e Monfero— nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas en que nace o río.
Estas características explican por que é, hoxe en día, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de todo o continente europeo.
Así mesmo, outra das singularidades deste espazo é que o 80 % dos terreos do parque son de titularidade privada, mentres que o resto da súa superficie está integrada por montes públicos cuxa titularidade corresponde a distintas administracións, en concreto, á Xunta de Galicia, ao Estado e aos concellos da Capela e das Pontes.
Neste sentido, a aposta do Executivo galego pola restauración ecolóxica das Fragas do Eume, a través do programa para ampliar a superficie pública en zonas clave e mellorar a súa xestión desde o punto de vista da sostibilidade, ten como obxectivo último e principal restablecer a dinámica propia dunha fraga atlántica, garantindo a súa estabilidade no tempo, unha maior resiliencia fronte a ameazas como o cambio climático e unha capacidade de autorregulación a longo prazo.