A Xunta licitará nos vindeiros días a redacción dos proxectos para a mellora de 19 quilómetros da estrada LU-231 entre Friol e a Baiuca

TerraChaXa
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo este venres un encontro cos alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada; de Friol, José Ángel Santos; e de Begonte, José Ulla, aos que lle avanzou a licitación nos vindeiros días da redacción dos proxectos construtivos para a mellora da estrada LU-231, ao longo de 19 km, entre Friol e A Baiuca, na que o Goberno galego investirá arredor de 6 millóns de euros.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda reuníase cos alcaldes de Palas de Rei, Friol e Begonte.
13 Out 2017

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo este venres un encontro cos alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada; de Friol, José Ángel Santos; e de Begonte, José Ulla, aos que lle avanzou a licitación nos vindeiros días da redacción dos proxectos construtivos para a mellora da estrada LU-231, ao longo de 19 km, entre Friol e A Baiuca, na que o Goberno galego investirá arredor de 6 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicoulles aos rexedores que neste exercicio xa se recolleu unha partida orzamentaria de 120.000 euros para estes traballos e tamén nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano haberá dotación para esta actuación. Concretou que isto vai permitir licitar as obras correspondentes a unha 1ª fase xa en 2018.

O prazo para a redacción dos dous proxectos será de 12 meses, aínda que se agarda ter o primeiro deles redactado en 6 meses para, a continuación, sometelo xa a información pública.

Os traballos que se levarán a cabo consistirán na ampliación da estrada ata os 7,5 metros de ancho e na rectificación das curvas máis pechadas, polo que ademais de ampliar os carrís ata os 3,25 metros a vía tamén disporá de beiravías de medio metro en ambos os lados.

Na reunión deste venres a Xunta abordou cos alcaldes os pasos inmediatos a dar para mellorar esta estrada autonómica, a LU-231, reforzando así o trazado da rede autonómica de estradas no eixe entre Palas de Rei-Friol-Begonte, tal e como vén de demandar o Parlamento galego a semana pasada. Tamén se fai necesario que a Deputación de Lugo acometa unha actuación complementaria no treito que é da súa titularidade, na estrada que une Friol e Begonte.

A conselleira indicou que con esta actuación ambiciosa a Xunta dá resposta á solicitude que tiñan trasladado os alcaldes, de acondicionala para facilitar a mobilidade coa A-6, en Begonte, e coa A-54, en Palas, sen ter que achegarse para iso ata Lugo.

Este proxecto enmárcase na aposta do Goberno galego por manter a rede de estradas en óptimas condicións, co que isto supón de reforzo da seguridade viaria; e por dotar aos veciños de vías máis cómodas para os seus desprazamentos cotiás, contribuíndo á vertebración territorial e a incrementar a competitividade e as oportunidades dos concellos do interior de Galicia.

0.21159720420837