A XXXI Feira da Cantería, Callos e Artesanía enche Parga de tradición, gastronomía e artesanía

TerraChaXa
A cita reuniu centos de persoas ao longo de toda a xornada co Certame de Cantería, a Mostra de Artesanía, o Campionato Galego de Andadura e as tradicionais racións de callos como grandes protagonistas
GUITIRIZ parga feira artesanía
19 Jul 2026

A parroquia de Parga volveu converterse este domingo nun punto de encontro para a tradición e a cultura popular coa celebración da XXXI Feira da Cantería, Callos e Artesanía, unha cita xa consolidada no calendario festivo de Guitiriz que reuniu centos de veciños e visitantes ao longo da xornada.

Un dos momentos máis destacados do día foi o XXVIII Certame de Cantería, no que participaron nove canteiros e canteiras. O xurado concedeu o primeiro premio a Marcos Escudero Pérez, mentres que Jesús Javier Varela Quintás obtivo o segundo galardón e Emilio José González Martínez fíxose co terceiro.

A programación comezou pola mañá coas actuacións dos grupos municipais, da agrupación Na Casa Zoqueiro e do Grupo Caivanca, que animou as rúas de Parga cun pasarrúas. O pregón desta edición correu a cargo da antiga asociación A Raxeira de Parga, que fixo un percorrido pola historia e a evolución dunha feira que suma xa máis de tres décadas de traxectoria e que se converteu nunha das citas máis representativas da comarca.

Durante toda a xornada, veciños e visitantes tamén puideron percorrer a Mostra de Artesanía, na que diferentes expositores ofreceron produtos elaborados de forma tradicional, así como seguir o Campionato Galego de Andadura Federada, unha proba puntuable para o campionato autonómico que volveu congregar a numerosos afeccionados ao mundo ecuestre.

A gastronomía foi outro dos grandes reclamos da xornada. As tradicionais racións de callos volveron ser un dos pratos máis demandados polo público, compartindo protagonismo con outras propostas como o polbo e o churrasco.

A programación continuou pola tarde con novas probas do Campionato Galego de Andadura, o espectáculo de maxia da Meiga Belmonte e a actuación musical dos Camachuelos, que puxeron o broche final a unha edición que volveu demostrar o arraigamento desta feira e a súa capacidade para reunir tradición, cultura, artesanía e gastronomía nunha das grandes citas do verán en Guitiriz.

0.11888408660889