Aberto o prazo para os campos de voluntiarado do verán
Abriu o prazo para participar nos campos de voluntariado dirixidos a persoas de entre 18 e 30 anos, dentro da Campaña de Verán 2019 da Xunta que leva por lema O verán que queres vivir.
Deuse a coñecer a oferta da campaña na provincia, que inclúe sete campos de voluntariado -seis deles internacionais-, 25 campamentos para nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e a actividade Conecta con Galicia, na que participa a Secretaría Xeral da Emigración. Ofértanse en total 2.235 prazas en Lugo, que supoñen un investimento de 725.018 euros.
Os campos de traballo internacionais terán lugar en Quiroga, Folgoso do Courel, Pantón, Xermade, Guitiriz e Pobra de Brollón, e en Portomarín haberá outro no que poden participar descendentes de galegos residentes no exterior.
En canto aos campamentos, celebraranse en Area (Viveiro), Portomarín, A Devesa (Ribadeo) e Palas de Rei; tamén no albergue municipal de Quiroga e haberá outro na zona sur, entre Carballedo e os concellos limítrofes. Ademais, os albergues de Area, A Devesa e o LUG-2 -en Lugo capital- acollerán catro campamentos en oferta concertada.
A Xunta oferta en total 9.834 prazas nesta campaña, nas catro provincias galegas e mesmo fóra de Galicia. Así, inclúense 320 prazas en campamentos do País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria.
O prazo para apuntarse aos campamentos de verán está aberto dende o pasado martes e ata o vindeiro 7 de maio, incluído. Polo que respecta aos campos de traballo, a primeira convocatoria ábrese hoxe e remata o 10 de maio, e abrirase unha segunda entre os días 23 ao 27 de maio para campos de voluntariado no estranxeiro, e dende o 29 de maio ata tres días antes de iniciarse o campo para os que se desenvolven en Galicia e outras comunidades autónomas.
A campaña ten un compromiso inclusivo; todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 prazas para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero. Aplicaranse descontos do 50% para membros de familias numerosas ou monoparentais, e do 25% para os usuarios do Carné xove.
A oferta concreta de datas, lugares, grupos de idade e outros datos pode consultarse na páxina web da Xunta, na área de Xuventude ou no Diario Oficial de Galicia do día 22 de abril.