Acordo na Mesa polo emprego das Pontes para garantir o emprego das auxiliares
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, anunciou o pre-acordo alcanzado no seno da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes co obxectivo do mantemento do emprego dos traballadores das empresas auxiliares da térmica pontesa durante os labores de pre-desmantelamento da central.
Así as cousas, na xuntanza de onte acordouse aceptar a nova proposta de Endesa, condicionada, entre outras cuestións, á incorporación á Mesa da empresa que resulte adxudicataria dos traballos de pre-desmantelamento, co fin de garantir a selección preferente dos traballadores das actuais auxiliares e co obxectivo do mantemento do emprego.
No encontro participaron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, así como representantes de Endesa, da CIG, UGT e CCOO, da Confederación de Empresarios, da Asociación de Empresarios Seara, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes, así como da Xunta e do Instituto de Transición Justa.
Lorenzana amosou ao remate da reunión desta tarde a súa satisfacción polo pre-acordo alcanzado e o avance das negociacións e destacou a unidade de acción dos integrantes da Mesa na defensa do futuro dos empregados das auxiliares da térmica pontesa, logo do peche imposto polo Goberno central o pasado mes de agosto.