Alumnos de ciclos do IES Terra Chá reciben formación sobre uso seguro do tractor

TerraChaXa | LugoXa
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) levou ata Castro de Rei a súa campaña A túa vida, sen voltas.
tractor
25 Mar 2022

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, levou ata Castro de Rei a súa campaña A túa vida, sen voltas, coa que está a percorrer diferentes localidades galegas para formar a alumnos de ciclos formativos relacionados coa explotación agropecuaria e forestal. A iniciativa trata de sensibilizar a rapazas e rapaces do IES da Terra Chá José Trapero Pardo, a través dunha xornada impartida por persoal técnico a partires das 11:30 horas.

A campaña ten por obxectivo dar a coñecer desde as aulas, aos futuros profesionais das explotacións, a necesidade de facer un uso seguro da maquinaria e de que estea provista das estruturas de protección e cintos de seguridade correspondentes.

O centro de Castro de Rei é un dos dez seleccionados polo Issga para achegar a actividade, que na provincia de Lugo xa pasou polo CFEA Alta Montaña de Becerreá e que recalará os días 28 e 30 de marzo, no CFEA de Monforte de Lemos.

O principal axente material asociado na actualidade aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O Issga alerta que é o risco de envorco o máis grave, que pode chegar a ocasionar mesmo a morte das persoas sinistradas, no caso de non teren tomado as precaucións pertinentes.   

Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais, e a maioría, o 90% de tipo leve. No caso da provincia de Lugo, este balance do Issga deixa 35 sinistros, 33 leves e dous de consecuencias graves.

Os sinistros mortais ou con lesións de maior importancia débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou mala utilización destes sistemas.

A campaña forma parte do Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, e contou coas contribucións dos Issga, como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional creada para o seu deseño.

0.18312501907349