Aprazada a clase de mostra de Work Dance prevista para este martes en Pastoriza

A Asociación de Mulleres Rurais de Pastoriza porá en marcha unha nova actividade de Work Dance, unha proposta de exercicio con música pensada para mulleres que buscan coidarse, mellorar a súa forza e sentirse ben mentres desfrutan da actividade.
A primeira sesión, que ía ter lugar hoxe martes, ás 21.00 horas, na nave do Concello situada no polígono tivo que ser aprazada pero volverá programarse noutra data próxima. Esta xornada servirá como clase de demostración para que as participantes poidan coñecer a actividade e comprobar todo o que poden conseguir xuntas.
As sesións estarán divididas en tres bloques. O primeiro será de quecemento con movementos dinámicos acompañados de música para preparar o corpo e os músculos. A continuación desenvolverase o traballo de forza, con exercicios específicos para pernas, glúteos, brazos, costas e core, tanto para o tren inferior como para o superior. Finalmente, a actividade rematará cunha fase de relaxación e estiramentos para baixar a intensidade, relaxar o corpo e a mente e mellorar a flexibilidade.
O horario será flexible e poderá adaptarse ás necesidades do grupo. A actividade terá un custo de 25 euros ao mes e desenvolverase dous días á semana, combinando traballo de forza con música e relaxación.
Ademais, as persoas pertencentes á Asociación de Mulleres Rurais de Pastoriza poderán beneficiarse dun desconto. A iniciativa busca crear un espazo no que combinar forza, música e benestar, promovendo ao mesmo tempo a actividade física e o encontro entre as participantes.