As festas de San Salvador de Castelo promocionarán os produtos de razas autóctonas galegas

LugoXa | TerraChaXa
A celebración consistirá nunha fogueira para maiores e nenos, xogos populares, música, queimada e outras sorpresas
un-rural-de-gusto-salvador-de-castelo
22 Jun 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promoverá os produtos procedentes de razas autóctonas galegas nas festas de San Salvador de Castelo, no concello de Outeiro de Rei, a través dunha iniciativa gastronómica incluída no programa “Un gusto de rural, un rural degusto”.

A festa consistirá nunha fogueira para maiores e nenos, xogos populares, música, queimada e outras sorpresas. Será este martes, 23 de xuño, e non faltará unha food truck.

O público asistente poderá degustar empanada elaborada con galo de Mos e hamburguesas de cachena, preparadas con carne subministrada por explotacións gandeiras locais. En concreto, participarán a gandería Cachenas de Antía e o criador Alberto Fernández Fraga, da parroquia de Vilela. Ademais, ofrecerase unha degustación de xamón de porco celta procedente de Ecogranja Teijeiro, situada no concello do Incio.

A iniciativa foi presentada pola deputada provincial Iria Castro xunto con representantes da comisión de festas, das asociacións gandeiras Boaga e Asoporcel, así como por produtores participantes na actividade.

A proposta busca dar visibilidade á calidade dos produtos vinculados ás razas autóctonas galegas e apoiar o labor dos produtores que traballan na conservación destas especies, ao tempo que achega ao público a riqueza gastronómica do rural galego nun contexto festivo e de convivencia veciñal.

A actividade forma parte do programa impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para fomentar o consumo de produtos locais e contribuír á valorización do patrimonio gandeiro e alimentario de Galicia.

0.12956690788269