As Pontes avanza na organización dos rexistros do Arquivo coa incorporación de máis de 3.300

TerraChaXa | FerrolXa
Licenzas de obras, proxectos urbanísticos e actuacións sobre infraestruturas e servizos públicos forman parte dunha documentación que agora queda mellor conservada, organizada e accesible
entrega-dixitalizacion-rexistros-as-pontes-lorena
10 Nov 2026

A transformación das Pontes ao longo das últimas décadas tamén se pode contar a través dos documentos do seu Arquivo Municipal. Proxectos de apertura de camiños, construción de centros escolares, instalacións deportivas ou redes de abastecemento de auga son parte dunha historia que agora queda mellor organizada e conservada. Unha nova intervención, que permitiu incorporar 3.368 rexistros correspondentes a 88 series documentais, facilita a recuperación e consulta de expedientes que reflicten a evolución do municipio e que chegan ata o ano 2024.

O proxecto, desenvolvido co apoio especializado da consultora galega UNAYTA no marco das axudas da Xunta de Galicia para a mellora dos arquivos municipais, dá continuidade aos traballos realizados en anos anteriores. A actuación permite avanzar na organización dos fondos documentais do Concello, mellorar as súas condicións de conservación e facilitar a localización de expedientes que, ademais do seu valor administrativo, constitúen unha fonte de información sobre a historia recente das Pontes.

Neste sentido, a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou a importancia destes traballos para preservar a memoria colectiva do municipio: «O Arquivo Municipal garda unha parte fundamental da historia das Pontes. Cada expediente, cada proxecto e cada documento permite coñecer mellor como foi evolucionando o noso concello e como se foi construíndo o municipio que hoxe coñecemos. Conservar, organizar e facilitar o acceso a esta documentación é tamén unha maneira de protexer o noso patrimonio e de poñelo ao servizo da cidadanía e das futuras xeracións».

A documentación tratada ofrece unha visión de distintos momentos e ámbitos da actividade municipal. Entre os expedientes figuran licenzas de obras, proxectos de planeamento urbanístico e autorizacións de apertura de establecementos, que permiten seguir parte da evolución urbana e económica da localidade. A intervención abrangue tamén documentación relacionada co medio ambiente, o aproveitamento forestal, a contratación pública, a protección civil ou a organización de festexos, entre outras materias que reflicten o funcionamento do Concello e a súa relación coa vida cotiá da veciñanza.

Unha parte destacada dos traballos realizouse no edificio de Obras e Urbanismo, onde se atopaba documentación mesturada e sen unha orde cronolóxica definida, o que dificultaba a súa localización e consulta. Para mellorar esta situación, leváronse a cabo tarefas de revisión, limpeza e acondicionamento dos fondos, coa retirada de elementos que podían favorecer a súa deterioración. A reorganización permitiu, ademais, reducir de 500 a 393 as unidades de instalación, aproveitando mellor o espazo dispoñible e favorecendo unhas condicións de conservación máis axeitadas.

Á organización física sumouse o traballo de clasificación e descrición dos expedientes,
realizado conforme ao Cadro de Clasificación do Arquivo Municipal e aos criterios da Norma Galega de Descrición Arquivística (NOGADA). Toda a información incorporouse posteriormente ao sistema de xestión arquivística ARQA, que permite relacionar cada expediente coa súa localización física e axilizar a súa recuperación cando sexa necesario consultalo.

Esta intervención representa un novo avance na mellora do Arquivo Municipal, un proceso que continuará co tratamento da documentación aínda pendente, a revisión das condicións de conservación e a dixitalización progresiva dos fondos de maior interese histórico ou que rexistran unha maior frecuencia de consulta.

Coa incorporación destes 3.368 rexistros ao sistema de xestión arquivística, o Concello das Pontes dá un novo paso na recuperación, organización e posta en valor do seu patrimonio documental, facilitando a súa conservación e consulta e asentando as bases para futuras actuacións sobre o Arquivo Municipal.

0.14893507957458