As Pontes continúa coas accións formativas do Programa Integrado de Emprego

TerraChaXa

O Concello das Pontes continúa coas accións formativas da cuarta edición do Programa Integrado de Emprego que cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral dos veciños dos concellos de As Pontes, A Capela e Somozas, con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

Programa Integrado Emprego As pontes
Programa Integrado Emprego As pontes
17 ago 2023

O Concello das Pontes continúa coas accións formativas da cuarta edición do Programa Integrado de Emprego que cunha duración de 12 meses, ten como
obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral dos veciños dos concellos de As Pontes, A Capela e Somozas, con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

A través deste programa formativo ofréceselle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.

Ao abeiro dun amplo programa de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das persoas beneficiarias, no mes de maio púxose en marcha un curso de vixiante de seguridade, de 180 horas de duración (90h presenciais e 90h online) que incluía unha parte práctica que se desenvolveu na Escola HKF de defensa persoal para rematar con prácticas de tiro na SD Pena da Revolta.

Por outra banda, tamén no mes de maio, deu comezo a formación do catálogo de especialidades de formación do SEPE de Operativa de Caixa-terminal punto de venda (COMT013PO), con 90 horas de duración ás que se lle suman 50 horas de prácticas non laborais en empresas locais nas que o alumnado ten a posibilidade de aprender nun centro de traballo os contidos relacionados coa formación  teórico-práctica impartida na aula.

Tamén durante este mes comezou a impartirse a sesión de Creación/Actualización de Currículo, a través da que as persoas beneficiarias tiveron a opción de realizar un currículo visual, coas características necesarias para que destaque nun proceso de selección.

Xa no mes de xuño iniciábase a primeira edición da formación online de Igualdade de Xénero e Oportunidades (25h) cuxa segunda edición dará comezo durante o mes de agosto. Trátase dunha formación trasversal, incluída en moitas formacións do catálogo de especialidades do SEPE, formación AFD e puntuable para as persoas que teñan interese nos procesos de emprego público.

Na primeira semana de agosto, en horario de mañá, deu comezo o curso de IMAI009PO Mantemento Industrial (150h+50h prácticas), incluído no catálogo de especialidades do SEPE, no que participan 13 alumnos e alumnas do Programa Integrado que poderán realizar rácticas non laborais en empresas da
vila unha vez superados os módulos de formación.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 42% inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral , de carácter individual, e un conxunto de sesión grupais organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre
elaboración de currículum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral e mobilidade laboral, entre outras.

O programa permitiu nas súas edición anteriores a a formalización de 162 contratos de traballo, 44 durante o programa do ano 2017-2018, 56 durante a edición do ano 2019, exclusiva para mulleres, e 62 contratos durante o programa 2019-2021 que tivo que ser prorrogado por mor da pandemia.