As Pontes recupera o programa de promoción do envellecemento activo

TerraChaXa | FerrolXa
A iniciativa busca contribuír á mellora da calidade de vida, favorecendo o mantemento da saúde física e mental, a prevención do deterioro físico e cognitivo e a redución de situacións de illamento
programa-activamente-as-pontes
9 Sep 2026

O Concello das Pontes, a través da Área de Benestar Social, retoma o programa Activamente, de actividades dirixido á veciñanza maior de 60 anos, unha iniciativa que ten como finalidade promover un envellecemento activo e saudable, así como favorecer a participación e o benestar das persoas maiores do municipio e que conta co apoio da Deputación da Coruña.

A iniciativa busca contribuír á mellora da calidade de vida das persoas participantes, favorecendo o mantemento da súa saúde física e mental, a prevención do deterioro físico e cognitivo e a redución de posibles situacións de illamento e exclusión social.  Ao mesmo tempo, pretende reforzar a participación activa das persoas maiores na vida social do municipio, promovendo as relacións interpersoais, a cooperación e a axuda mutua, así como o mantemento da autonomía persoal e da independencia funcional.

As actividades incluirán propostas de carácter físico e de estimulación cognitiva, adaptadas ás necesidades e capacidades das persoas participantes. No ámbito físico, desenvolveranse exercicios orientados á mellora da mobilidade e da motricidade, ao mantemento da autonomía persoal e á prevención de caídas. Pola súa banda, as actividades cognitivas estarán centradas no exercicio de capacidades como a memoria, a atención, a linguaxe, o razoamento ou a orientación, mediante xogos, dinámicas individuais e grupais e exercicios vinculados á vida cotiá.

Antes do desenvolvemento das actividades, avaliaranse as necesidades específicas de cada grupo co obxectivo de adaptar os contidos, metodoloxías e ritmos de traballo ás capacidades individuais, favorecendo así a participación de todas as persoas e unha atención axeitada ás súas circunstancias.

O programa desenvolverase este ano en colaboración con oito asociacións veciñais das Pontes: FOCAPA, Campeiras, Panceiras de Bermui e Ribadeume, Magdalena, San Pedro do Eume, Encoro da Ribeira (Marraxón), Raíces de Goente e Vincallo.

Con esta nova edición, o Concello das Pontes dá continuidade a unha iniciativa xa consolidada, reforzando o seu compromiso coas políticas de envellecemento activo e coa creación de espazos que permitan ás persoas maiores manterse activas, autónomas e conectadas coa súa comunidade.

0.13172006607056