Begonte inaugurou o seu tradicional Belén electrónico, un referente do Nadal galego

TerraChaXa
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participou na apertura da 55ª edición do nacemento, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xaneiro
inauguracion-belen-de-begonte
23 Nov 2026

Begonte deu comezo á programación do Nadal coa inauguración dunha nova edición do seu coñecido Belén electrónico, unha das tradicións máis representativas destas datas en Galicia. O acto contou coa presenza de Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, quen destacou o valor desta iniciativa como símbolo da identidade e da memoria colectiva galega.

Durante a súa intervención, Merelles salientou a capacidade do belén para conectar as novas xeracións coas tradicións de sempre e reivindicou o seu papel como atractivo turístico nun concello de pequeno tamaño. Así mesmo, puxo en valor o traballo e a dedicación das persoas que, ano tras ano, fan posible manter viva esta representación do Nadal.

O responsable de Turismo lembrou tamén a importancia de conservar este legado, que permite aos visitantes achegarse ás lembranzas da infancia e descubrir unha forma propia de vivir estas festas. O nacemento constitúe, ademais, un exemplo de como a autenticidade e o patrimonio local poden converterse nun importante reclamo turístico.

Esta 55ª edición estivo marcada tamén pola homenaxe a Jesús Domínguez Guizán, falecido recentemente, figura moi vinculada á historia do belén e ao seu desenvolvemento ao longo das últimas décadas. Durante o acto recoñeceuse a súa contribución e o labor realizado para preservar esta tradición.

O Belén de Begonte poderá visitarse ata o 30 de xaneiro. Os grupos deberán concertar previamente a visita no teléfono 629 74 86 09. Ata o 18 de decembro, o horario será de sábados, domingos e festivos, de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Entre o 19 de decembro e o 6 de xaneiro abrirá todos os días pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas. Do 7 ao 24 de xaneiro, as visitas quedarán limitadas ás fins de semana e festivos, de 16.00 a 17.00 horas.

A clausura terá lugar o 30 de xaneiro, data na que tamén se entregarán os premios dos certames de arte, poesía, xornalismo, debuxo infantil e audiovisual.

0.15129399299622