CC.OO. considera ficticia a disminución do paro

TerraChaXa
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) sinala que a diminución do desemprego no mes de febreiro é «ficticia» porque Galicia segue perdendo poboación activa.
12 Mar 2019

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) sinala que a diminución do desemprego no mes de febreiro é «ficticia» porque Galicia segue perdendo poboación activa. Segundo os datos rexistrados nas oficinas públicas de emprego, o desemprego diminuíu no último mes en 1091 persoas. Porén, houbo 13.737 afiliacións menos á seguridade social. As cifras tamén indican que o desemprego ten unha «clara marca de xénero», xa que a maioría das paradas (57,14 %) son mulleres.

«O mercado laboral galego continúa minorando mes a mes», sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO. A sindicalista lamenta a ausencia dunha «política de país» e critica que a Xunta se limite a «atender problemas puntuais» de determinadas empresas, cando «o que está a suceder é que os que están en apuros son sectores produtivos básicos».

En opinión de Bouza, «faltan investimentos, falta planificación e falta tamén unha diversificación» da economía. «Non o podemos fiar todo ao sector dos servizos ou a unha construción que cada vez ten menor peso», e reivindicou o papel que deben xogar os sectores industriais na economía galega.

«Mentres o Goberno galego non o entenda, será difícil deter a sangría de poboación, porque a xente marcha de Galicia ao non ver expectativas de vida e de futuro», conclúe a sindicalista.

Datos do paro

Ao remate do mes de febreiro había en Galicia 173.709 persoas paradas (74.453 homes e 99.256 mulleres). O paro descendeu na comunidade autónoma en 1.091 persoas, un descenso do 0,62 %; dato mellor que no Estado, onde se incrementou en 3279 persoas (0,1 %). En termos anuais, o desemprego diminuíu un 7,7 % en Galicia (14.498 persoas paradas menos) e un 5,22 % a nivel estatal.

Por sectores, o desemprego reduciuse en todos agás no colectivo sen emprego anterior (287 persoas paradas máis). Na agricultura hai 181 menos, na industria 214 menos, na construción 442 menos e nos servizos 541 menos.

Análise da contratación

Canto á contratación, en febreiro rexistráronse 68.820 contratos, dos cales 6856 indefinidos e 61.964 temporais. Daquela, o 90 % dos contratos son temporais.

Na comparación mensual, a contratación indefinida caeu nun 16,37 % e a temporal nun 16,49 %. En termos anuais, 499 contratos indefinidos menos (descenso do 6,78 %) e 119 temporais máis (aumento do 0,19 %).

Afiliación á seguridade social

Xa no que atangue á afiliación á seguridade social, hai 992.370 persoas afiliadas. Con todo, a análise dos datos revela que en Galicia se destruíu máis emprego ca no Estado, xa que en febreiro houbo 13.737 afiliacións menos (un descenso do 1,37 %) e no conxunto de España 204.865 menos (descenso do 1,08 %).

Na comparación anual, séguese creando menos emprego en Galicia ca en España: 18.909 afiliacións máis na comunidade autónoma, incremento do 1,94 % que é un punto inferior á media estatal (2,94 %).

0.15198302268982