CC.OO insta á Xunta a tomar medidas contra o paro
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) insta a Xunta a tomar medidas tras a suba do paro rexistrado por cuarto mes consecutivo. O sindicato coida «inaceptable» que o Goberno galego non actúe contra a precariedade nin a rotación laboral, máis aínda cando Galicia continúa con peores datos que a media do Estado, onde o desemprego descendeu lixeiramente.
Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, Galicia segue «ancorada nun modelo produtivo que non deixa crear postos de traballo nin riqueza». Para mudar as cousas, debe cambiar o modelo produtivo, xunto cunha aposta polo emprego de calidade. Ademais, cómpre estender ás empresas medidas para mellorar a calidade do emprego, aproveitando o crecemento económico.
A sindicalista manifesta a súa «decepción» pola falta de reacción da Xunta de Galicia, pois non introduciu variacións no proxecto de orzamentos para o 2019. «De seguir así, teremos perdido un ano máis, pois malia que medra a economía, non se traduce en consolidación de emprego nin é de calidade», lamenta. Por último, Bouza avalía negativamente os índices de protección social, pois «aínda son baixos». Por esta razón, afirma que «é o momento» de aproveitar a situación de mellora económica para recuperar dereitos perdidos durante a crise.
Paro rexistrado
O paro rexistrado volve a subir en Galicia. En novembro subiu por cuarto mes consecutivo: 625 persoas paradas máis ca no mes de outubro, o que equivale a un incremento do 0,37 %, mentres que na media estatal baixou en 1836 persoas. O número de persoas paradas inscritas nas oficinas do SEPE ascendeu ata ás 170.369, cas que o 58 % son mulleres.
Por sexos, a suba do paro rexistrado concentrouse nos homes (1287 parados máis fronte a 662 paradas menos) e, por grandes grupos de idade, nas persoas de 25 ou máis anos (704 persoas paradas máis fronte a 79 persoas paradas menos menores de 25 anos). Canto á análise por sectores, o paro rexistrado sobe en todos eles agás na industria (71 persoas paradas menos) e no colectivo sen emprego anterior (231 persoas paradas menos); a suba máis acusada dáse na agricultura (313 persoas paradas máis, +5,15 %), na construción hai 262 persoas paradas máis (a suba é do 1,89 %) e nos servizos 352 máis (+0,30 %).
Desde o mes de novembro de 2017, deixan de constar como paradas 16.806 persoas menos nas oficinas do SEPE na nosa comunidade (un descenso do −8,98 %). Na comparación anual, o descenso máis acusado segue dándose nos homes e por sectores de actividade, na construción.
Análise da contratación
A contratación segue nutríndose da precariedade. Os contratos indefinidos mantéñense ao redor do 10 % sobre o total de contratos rexistrados. En concreto, no mes de novembro rexistráronse 84.427 contratos e, deles, 76.353 foron temporais (representan o 90,44 % da contratación) e tan só 8.074 indefinidos (9,56 % do total). En termos mensuais, baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1979 contratos indefinidos menos (−19,69 %) e 17.078 temporais menos (−18,28 %). Na comparación anual, rexistráronse 4402 contratos máis: 3004 temporais máis (+4,10 %) e 1398 indefinidos máis (+20,94 %).
Afiliación á seguridade social
Galicia tamén perde ocupación por cuarto mes consecutivo e a evolución da afiliación segue sendo peor ca na media estatal. No mes de novembro había 3327 persoas afiliadas menos ca no mes de outubro, o que equivale a unha redución do 0,33 % (na media estatal, a baixada foi do 0,25 %), co que a cifra de afiliación total en Galicia quedou en 1.009.871 persoas (fronte a 1.064.973 afiliacións que había dez anos). Segundo o réxime, hai 2.929 afiliacións menos no réxime xeral (inclúese o agrario e o do fogar), 384 menos no réxime de autónomos e 14 menos no do mar.
A perda de afiliación no mes de novembro de 2018 (o descenso foi do 0,33 %) foi máis intensa ca en anos anteriores: a afiliación á seguridade social no mes de novembro de 2017 reducíase nun 0,08 %, en novembro de 2016 facíao no 0,31 % e no mes de novembro de 2015 a diminución era do 0,22 %.
En comparación co mes de novembro de 2017 hai 20.714 afiliacións máis en Galicia o que supón un aumento do 2,09 % (un ano antes producíase unha suba do 2,13 %). Na comparación anual tamén quedamos atrás: a afiliación media á seguridade social na nosa comunidade avanzou un 2,09 %, mentres que na media estatal fíxoo un 2,87 %.
Prestacións por desemprego
O 46,31 % das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego (son 71.663 persoas) e só o 45 % das que si a perciben cobran unha prestación contributiva. Así pois, en outubro de 2018 había 83.085 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 37.532 percibían unha prestación contributiva (o 45,17 % do total das prestacións), 37.309 un subsidio por desemprego (o 44,90 %), 7869 a renda activa de inserción (9,47 %) e 375 correspondían ao programa de activación de emprego (0,45 %).
Polo tanto, segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en outubro de 2018 era do 53,69 % e segue caendo o gasto en protección por desemprego (en outubro baixa nun 3,3 % en relación co mesmo período do ano anterior).