Clausurada unha nova edición do obradoiro de emprego Santa Isabel

TerraChaXa | LugoXa
Foi promovido polos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade.
obradoiro santa isabel entrega diplomas
22 sep 2021

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entregou onte os diplomas aos 20 alumnos traballadores do obradoiro de emprego dual Santa Isabel IV, que foi promovido polos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito e financiado pola Xunta con 347.000 euros. No acto participaron tamén os respectivos alcaldes, José Pardo, Francisco Balado e Armando Castosa.

Ao abeiro desta iniciativa, sete persoas desempregadas formáronse en traballos de Carpintaría e moble, outras tantas en Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e seis en Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos.

Os obradoiros supoñen unha oportunidade laboral para os participantes, que reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer o oficio elixido; ademais, fomentan o emprendemento, xa que se imparte formación específica neste eido.

Nesta liña, nas vindeiras semanas dará comezo o obradoiro dual Camiño da Chaira VI, tamén compartido polos tres municipios con idéntico financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade, ao que se incorporarán outros 20 traballadores para adquirir formación teórica e experiencia laboral mediante un contrato de traballo.

Ao tempo que reciben formación teórica e práctica, os participantes realizan obras e servizos en beneficio dos veciños e veciñas dos municipios promotores. Neste caso, os alumnos traballaron na dixitalización e organización do arquivo municipal de Outeiro de Rei; elaboraron mobiliario urbano e outros elementos de madeira e moble en Castro de Rei, e pavimentaron varias rúas e prazas en diversos núcleos de Cospeito.

0.18604302406311