Clausurado o programa de emprego Chaira IX de Castro, Cospeito e Outeiro de Rei
Alumnos do obradoiro de emprego Camiño da Chaira IX que compartiron os concellos de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei festexaron a clausura da última edición deste programa de emprego financiado pola Xunta de Galicia cunha achega de 288.800 euros que permitiu a adquisición, por parte do alumando participante, dos certificados de profesionalidade nas especialidades de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e levantamentos e replanteos.
Este tipo de programas combinan a formación teórica e práctica cun contrato de traballo e están considerados unha ferramenta moi útil que facilita o futuro acceso do alumando ao mercado laboral, xa que á vez que os participantes aprenden a desenvolver distintas actividades profesionais, desenvolven obras de interese xeral nos municipios beneficiarios, polas que recibe un salario.
Así por exemplo en Castro de Rei o alumando executou a mellora do local social das parroquias de Bendia e Ramil (Castro de Rei), mellora do edificio da pista polideportiva de Castro Ribeiras de Lea, acondicionamento do ximnasio do CEIP Veleiro do Campo.
No caso de Outeiro de Rei o obradoiro permitiu o cartografado dixital do inventario municipal e das instalacións de protección de incendios, elementos patrimoniais, colectores e paradas de bus.
Xa en Cospeito, executouse a mellora do polideportivo, a construción de gradas e mellora dos vestiarios no campo de fútbol e outras melloras varias nos locais sociais de Pacio e Xermar, así como intervencións no entorno da Casa das Donas na Feira do Monte, entre outras.
No conxunto de Galicia, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos que 1500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.