Clausuran en Mondoñedo o programa integrado de emprego que afecta a oito concellos
Mondoñedo acolleu a clausura do programa integrado de emprego que durante o último ano axudou a mellorar a cualificación profesional de 100 persoas dos oito concellos participantes.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou con 250.000 euros esta iniciativa, promovida pola administración local mindoniense asociada coas de Outeiro de Rei, Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei e Abadín.
Subliñou que a Xunta financia coa mesma contía -250.000 euros- unha nova edición desta acción laboral, que vén de comezar e que compartirán durante outro ano os mesmos concellos, nesta ocasión con Outeiro de Rei como promotor.
Os programas integrados de emprego proporcionan formación en áreas específicas con demanda no mercado do traballo. Neste caso ofrecéronse 31 especialidades, como desenvolvemento web, inglés profesional para o turismo ou ecoturismo, condutor de carretillas elevadoras e limpeza de instalacións e equipamentos industriais, entre outras alternativas. Tamén se incide en aspectos como a intelixencia emocional, técnicas de motivación para a busca de emprego ou fomento da capacidade emprendedora.
A experiencia ten como obxectivo mellorar o perfil profesional dos participantes e incrementar as súas posibilidades de obter un posto de traballo, como demostra o feito de que a metade dos participantes no programa que finaliza acadarán xa unha oportunidade de incorporarse ao mercado laboral.
Este ano a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina preto dun millón de euros aos catro programas integrados de emprego que reeditan na provincia de Lugo a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo (APEHL) e tres agrupacións que suman máis dunha vintena de concellos.