Comezan as obras da segunda fase da mellora do abastecemento de Castro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta inicia as obras da segunda fase da mellora do abastecemento de auga no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial
obras abastecemento de auga en castro de rei
obras abastecemento de auga en castro de rei
28 jul 2022

Os traballos permitirán incrementar as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial para evitar problemas de abastecemento en época estival.

A Xunta iniciou as obras da segunda fase da mellora da rede de abastecemento de auga ao concello de Castro de Rei, que supoñen un investimento de 298.549 euros.

Esta nova actuación, que ten un prazo de execución de 6 meses, dará continuidade á primeira fase da mellora do abastecemento, cuxas obras foron rematadas o pasado mes de decembro cun investimento de 630.000 euros.

A primeira fase centrouse na construción de dous tramos de tubaxe de abastecemento de fundición no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e nas inmediacións do termo municipal. Tamén se executaron varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

A 2ª fase das obras, que veñen de iniciarse, complementarán esta primeira intervención e centraranse na execución dun ramal que, partindo dun tramo de condución que se desenvolveu na primeira fase, mellora a conexión co polígono industrial. Para acometer este ramal, emprégase unha condución de máis de 1,5 km con tubaxe de polietileno de 225 mm de diámetro.

A solución proxectada por Augas de Galicia no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes do municipio de Castro de Rei de cara ao ano 2040.

As obras que se están executando enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, polo que o departamento que preside Ethel Vázquez financia esta a actuación nun 80%, achegando o 20% restante a administración local. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do fondo europeo FEADER.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.

Nesta liña, o departamento que preside Ethel Vázquez, segue a traballar no obxectivo de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que entrará en vigor este mesmo verán e que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.