Comezan as obras para ampliar a rede de saneamento de Carral, en Begonte

TerraChaXa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou as obras para ampliar a rede de saneamento do concello de Begonte no lugar do Marco - da parroquia de Carral -, concretamente no Camiño de Saavedra.
abastecemnto obras carral
abastecemnto obras carral
17 sep 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou as obras para ampliar a rede de saneamento do concello de Begonte no lugar do Marco - da parroquia de Carral -, concretamente no Camiño de Saavedra.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o lugar no que se están a desenvolver os traballos que permitirán levar o servizo a esta zona, de carácter maiormente residencial e onde abundan as construcións auxiliares destinadas a usos agrícolas e vinculadas ás vivendas. O orzamento da actuación é de 228.700 euros.

A obra consistirá na execución dunha rede de colectores ata a rede actual, que a conducirá á estación de tratamento de augas residuais de Carral. O prazo de execución é de catro meses.

A solución adoptada consiste na construción de tres colectores cunha lonxitude total de 675,5 metros. O primeiro deles, de 535 metros, discorrerá ao longo do Camiño de Saavedra e terá conectadas dez acometidas domiciliarias. O segundo, de 78,5 metros, transcorrerá por un camiño público perpendicular ao anterior e contará con dúas acometidas domiciliarias; e o terceiro, de 62 metros, quedará preparado para a posible conexión dunha edificación próxima.

Tamén está prevista a renovación da condución de abastecemento nunha lonxitude de 495 metros, coa execución de dez acometidas domiciliarias. As obras incluirán a reposición do firme nas vías de comunicación afectadas polas obras.

Ao lugar do Marco accédese desde a estrada N-VI a través de dúas vías locais nas que existe rede de abastecemento municipal. Unha das vías dispón de rede de saneamento, pero sen conexión á rede existente, e a outra carece deste servizo.

obras carral saneamento
0.16567516326904