Comezan na provincia os programas de emprego
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina preto dun millón de euros aos catro programas integrados de emprego que reeditan na provincia de Lugo a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo (APEHL) e tres agrupacións que suman máis dunha vintena de concellos.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, subliñou que cada un beneficiará a 100 persoas desempregadas, que ao longo dun ano recibirán formación en especialidades formativas do Catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal e noutros aspectos como a intelixencia emocional, técnicas de motivación para a busca de emprego ou fomento da capacidade emprendedora.
O obxectivo fundamental é acadar a inserción laboral das persoas participantes, para o que tamén se realizan prospeccións empresariais, emparellando ofertas de traballo cos demandantes, segundo o seu perfil. Igualmente, realizarán prácticas profesionais non laborais en empresas, preferentemente en consonancia co contido teórico práctico das accións formativas.
A APEHL encara a sexta edición do programa, cos que alcanzou moi bos resultados de inserción laboral ata a fecha. O investimento autonómico alcanza un total de case 1,4 millóns de euros -226.160 euros para este último-.
Municipios beneficiados
Tamén repiten experiencia tres agrupacións de concellos da provincia, que reciben 250.000 euros en cada caso. A primeira está integrada por Outeiro de Rei, Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín e Mondoñedo; a segunda fórmana os municipios de Palas de Rei, Monterroso, Portomarín, Antas de Ulla, Guntín, O Páramo e o coruñés de Melide. E por último, os concellos de Chantada, Pantón, Bóveda, Paradela, O Saviñao, Sober, Taboada e Carballedo, suman este ano aos ourensáns de Coles, A Peroxa e San Cristovo de Cea,
Está previsto que todos os programas dean comezo hoxe. Son as entidades beneficiarias as que realizan a selección das persoas demandantes a través da oficina de emprego que lles corresponda segundo a súa localización, tendo preferencia para participar as persoas demandantes que manifesten a súa vontade de recibir estes servizos.