Continúa a formación da quinta edición do Programa Integrado de Emprego das Pontes

TerraChaXa
O 26 de setembro terá lugar a última sesión grupal de orientación laboral dedicada ao Emprego Público
programa-integrado-de-emprego
21 sep 2024

O Concello das Pontes continúa coas accións formativas da quinta edición do Programa Integrado de Emprego, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e Servizo Público de Emprego Estatal, posto en marcha coa colaboración dos Concellos da Capela e As Somozas, e que teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes no programa.

Así, ao abeiro dun amplo programa de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das persoas beneficiarias, durante a primeira semana de setembro púxose en marcha o curso de Auxilar de produtos frescos que inclúe prácticas non laborais en empresas a través das que adquirirán coñecementos sobre carnicería, chacinería e peixaría.

Por outra banda, o 26 de setembro terá lugar a última sesión grupal de orientación laboral dedicada ao Emprego Público na que o alumnado recibirá información sobre o acceso aos procesos de selección das administracións e máis concretamente, aos da administración local, tipos de empregados públicos, tipos de procesos etc.

Tamén na última semana de setembro dará comezo a formación de PRL (60h) dirixida a un total de 30 persoas que ao remate da formación obterán esta acreditación transversal que aporta valor engadido aos seus currículos.

Xa no mes de outubro, porase en marcha a formación Auxiliar de servizos: control de accesos que permitirá ao alumnado conseguir a acreditación da Xunta de Galicia habilitante para o exercicio de ditas funcións e para dar remate a esta edición do Programa Integrado de Emprego, o día 25 de outubro terá lugar a Xornada de Motivación emprendedora e que inclúe unha visita á incubadora de empresas de Seara, unha charla-coloquio con algún emprendedor/a local e a visita á súa empresa.

ENTREGA DE DIPLOMAS

Toda esta información foi dada a coñecer pola concelleira de Industria e Emprego, Ana Pena, durante a entrega de diplomas ao alumnado que participou nas accións formativas do Programa Integrado de Emprego das Pontes desenvolvidas durante o período estival entre as que se atopan un curso sobre xestión loxística cunha duración de 150h en aula que se complementon con 50 horas de prácticas non laborais en empresas locais, tales como Arprosa, Servicio Móvil, Carlin, Delagro, Severiano agrocomercial e Arteixo Telecom e un curso sobre limpeza industrial que incluía realización de prácticas non laborais na empresa local Ecovapor, que acolleu ó alumnado desta formación.

Tamén se fixo entrega dos diplomas do curso de operacións con ponte guindastre no que un total de 15 persoas recibiron formación teórico práctica de mañexo de ponte guindastre e do curso de operacións de son e iluminación no sector audiovisual, con prácticas en empresas, no que o alumnado tivo a ocasión de poder acudir a dous eventos culturais e poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Finalmente tamén se fixo entrega dos diplomas das formacións de operacións con carretilla e plataforma elevadora

O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DAS PONTES

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral da veciñanza dos concellos das Pontes, A Capela e Somozas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

A través deste programa formativo ofreceráselle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.

A formación está dirixida a 100 mulleres e homes desempregados, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e menores de 30 anos con cualificación.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral, de carácter individual, e un conxunto de sesións en grupo organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de curriculum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral, entre outras.

Ao mesmo tempo, o alumando adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros sobre xestión loxística, manexo de carretillas e plataforma elevadora, curso de operacións de sons e iluminacións no sector audiovisual, un curso de control de accesos ou un curso de auxiliar de produtos frescos, entre outros.

Todas as accións do programa contan cunha bolsa de asistencia e coa posibilidade de utilizar o servizo de conciliación familiar para aqueles con cargas familiares que doutro xeito non poderían aproveitar as accións.

O orzamento do Programa Integrado é de 163.350 euros, dos cales 130.680 euros son achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal e 32.670 euros polas entidades locais.

0.095449209213257