Continúa en Friol a parcelaria de San Xoán de Seoane de Pregación

TerraChaXa | LugoXa
Na xuntanza de hoxe presentouse a enquisa de bases, na que se lles entregará aos propietarios o boletín individual da propiedade e poderán formular as alegacións que estimen oportunas durante o prazo dun mes.
parcelaria friol pregacion
28 Feb 2024

Na xuntanza de hoxe presentouse a enquisa de bases, na que se lles entregará aos propietarios o boletín individual da propiedade e poderán formular as alegacións que estimen oportunas durante o prazo dun mes.

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo unha reunión cos veciños deste municipio lucense para abordar cuestións vencelladas co desenvolvemento da concentración parcelaria de San Xoán de Seoane da Pregación, situada nesta localidade.

Esta iniciativa suporá a reorganización de case 383 hectáreas, distribuídas actualmente en 533 parcelas de 71 propietarios. O investimento total realizado ata o de agora neste proceso supera os 88.000 euros, co cal se levou a cabo a investigación da propiedade e se se elaborou o estudo de impacto ambiental, planos, preparación de bases e o Plan de Ordenación de Predios de Especial Vocación Agraria (Popeva), así como a redacción do proxecto de camiños.

Tal e como indicou José González, o proceso avanza de xeito favorable e actualmente se atopa na elaboración da fase de bases de reestruturación parcelaria. Na xuntanza de hoxe presentouse a enquisa de bases, na que se lles entregará aos propietarios o boletín individual da propiedade e poderán formular as alegacións que estimen oportunas durante o prazo dun mes. Os planos correspondentes estarán expostos nos lugares de costume da parroquia, no Concello e na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Cómpre salientar que, no conxunto do territorio de Friol, xa se remataron outras tres parcelarias, que supuxeron en total a mobilización de 945 hectáreas, beneficiando 128 propietarios. Xunto coas parcelarias, destacan as permutas de especial interese agrario, unha figura contemplada na Lei de recuperación da terra agraria, que permitiron a posta en valor doutras 400 hectáreas nesta localidade lucense.

Ademais, estas permutas serviron de referencia para avaliar a idoneidade da súa implantación noutras zonas de Galicia, que suporán a mobilización doutras case mil hectáreas ao longo de toda a comunidade.

Posta en valor do territorio

Este tipo de procesos de reorganización do territorio contribúen a paliar o minifundismo existente na nosa comunidade dende o punto de vista da estrutura da propiedade, sinalou o titular do Medio Rural en funcións. As novas concentracións parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.
Así, dende o ano 2020, a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias. Procesos que, segundo afirmou José González, abarcan unha superficie total de máis de 21.700 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.300 propietarios que recibiron case 36.700 títulos de propiedade. Ademais, dende o ano 2009 o Goberno galego leva investido un total de 123,7 millóns de euros para avanzar nesta materia.

Neste sentido, decretáronse 29 novas parcelarias dende o ano 2021, que abarcan case 24.000 hectáreas de superficie e máis de 111.500 parcelas de máis de 16.300 titulares. A maiores, neste ano 2024 destinamos 24 millóns de euros para avanzar os procesos de concentración parcelaria, un 41% máis que no 2023.

Lei de recuperación da terra agraria

Xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga, na lei de recuperación da terra agraria, que entrou en vigor en maio de 2021, apóstase por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras.

Neste contexto, destacan os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, as aldeas modelo ou as nomeadas permutas de especial interese agrario. Con todas estas ferramentas, a Xunta puxo en valor arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.

0.081861972808838