Cospeito recibirá unha achega para a posta en marcha dun viveiro de empresas
A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de conceder ao Concello de Cospeito unha axuda de 240.000 euros para crear un viveiro industrial de empresas no municipio. O proxecto contempla a construción dunha nave cunha superficie útil de 877,44 metros cadrados.
As novas instalacións albergarán unha zona de uso administrativo que contará cun bloque de oficinas e espazos de reunión; así como tres naves de uso industrial para alugar aos emprendedores interesados. O Goberno galego asume o 62% do investimento previsto, que ascende a 358.700 euros.
A achega está enmarcada na convocatoria para impulsar actuacións da construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais para crear viveiros de empresas nos concellos galegos, dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros. A Xunta financia ata o 80% do custo cun límite de 240.000 euros.
Con esta orde de axudas, a Xunta busca mellorar a competitividade da oferta de solo empresarial galego como elemento dinamizador da economía e do emprego a través duns espazos físicos, os viveiros, que pretenden apoiar o nacemento de novas empresas de carácter industrial. Estas instalacións axudan, ademais, a dinamizar a economía dos concellos rurais, fixando emprego e poboación nestes territorios.