Cruce de acusacións no debate do Plan Forestal

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Parlamento galego aprobou onte a revisión do Plan Forestal, pero non faltaron de novo as voces en contra que seguiron sucedéndose.
manifestacion contra plan forestal
25 Feb 2021

O Parlamento galego aprobou onte a revisión do Plan Forestal, ao que o PP califica como “un instrumento básico de planificación forestal que busca a eficiencia a través da ordenación e a xestión sustentable dos espazos e recursos forestais”. Malia esta defensa non faltaron de novo as voces en contra que seguiron sucedéndose toda a xornada.

Elena Candia defendeu que o novo Plan Forestal é “un documento flexible e vivo, que nace co compromiso serio da súa posta en marcha e aplicación”. Así, lembrou que na súa elaboración participaron 26 entidades e incorpora case o 90 por cento das directrices propostas, así como o 75 por cento do ditame da Comisión de Estudo sobre a política forestal e os incendios forestais celebrada a pasada lexislatura.

PSOE

O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle ao goberno galego que retire o Plan Forestal para presentar un novo documento “serio e rigoroso”. Respondeu así á proposta de transacción única presentada polo PP no Pleno do Parlamento para suspender as novas plantacións de eucaliptos onde non se tiveran plantado ata o momento, que cualificou de “ocorrencia” e “chalaneo”.

Seco reclamou a retirada do documento para volver ao consenso do ano 2018, "que prevía unha planificación forestal imprescindible para dous terzos do territorio e que foi incumprido polo goberno galego". Advertiu que “o noso rural non está para ocorrencias”, como cualificou á proposta de suspensión “en cinco minutos, sen explicación técnica nin encaixe no desenrolo do plan”.

Os socialistas galegos presentaron unha serie de propostas de Resolución, ademais da contraproposta de transacción conxunta para a retirada do plan, para garantir que cumpran coa legalidade, adaptando o texto ao novo marco xurídico vixente en Galicia en virtude da nova Lei de Ordenación do Territorio de Galicia.

Martín Seco reclamou ademais un novo procedemento de avaliación ambiental estratéxica, adaptar o período de vixencia, execución e programación derivado dos retrasos reiterados na tramitación do Plan, adaptar a senda orzamentaria aos tempos da Consellería do Medio Rural e que “opten ou ben pola inclusión do rol da Axencia Galega da Industria Forestal ou directamente a súa supresión”.

BNG

O BNG censurou á Xunta o seu anuncio dunha moratoria ás novas plantacións de eucaliptos que finalmente non incorporou ao Plan Forestal de Galiza nin transaccionou co resto de forzas políticas durante a tramitación e votación final do texto.

Durante o debate previo á votación, a portavoz nacionalista de Montes, María Albert, xa advertira da "pouca fiabilidade deste movemento" que vén demostrar que ao PP “dalle igual o que poña o documento”. “No papel colle todo, até que presenten como proposta estrela unha moratoria, que non prohibición, que xa está en vigor a día de hoxe e que levan saltando polo arco do triunfo durante 12 anos incumpríndoa sistematicamente”, recalcou.

Neste sentido, explicou que en 2016 a propia Xunta recoñecía unha superficie total de eucalipto, entre superficies puras e superficies mixtas, de 310.000 hectáreas, cifra que dous anos máis tarde xa se elevaba a 422.000 hectáreas. “Se o plan forestal de 1992 prevía 245.000 hectáreas para 2032 e en 2016 xa estaban a falar de 310.000, porque non pararon esta expansión? Tiñan os argumentos, tiñan a norma e tiñan a capacidade política e de goberno para facelo e non o fixeron”, reprobou para a continuación concluír que “sen embargo, agora témonos que crer que para que o BNG e o PSOE voten a favor deste plan, de repente van facer o que non fixeron durante 12 anos no goberno”.

0.15841889381409