Cultura, memoria histórica e resultados electorais

TerraChaXa
Por Katova Nunca se insistirá suficientemente no que significou o golpe de estado do 36 para a intelixencia no Estado Español: morte e exilio, preferentemente por esa orde se puidesen elixir os vencedores.
14 Xuño 2019

Por Katova

Nunca se insistirá suficientemente no que significou o golpe de estado do 36 para a intelixencia no Estado Español: morte e exilio, preferentemente por esa orde se puidesen elixir os vencedores.  Sempre convén lembralo en abril, mes no que celebramos o aniversario da II República e no que libros e rosas son regalados por San Jordi en Catalunya, un mes que neste 2019 estivo marcado por unhas  eleccións xerais.

Intelixencia escrita así, e non “ intelligentsia”, remite ao sentido común, ese tan vapuleado menos común dos sentidos. A tolemia da ditadura retrotraeunos ás catacumbas do pensamento, esmagou co loable intento republicano de acabar co analfabetismo (o 42,3% da poboación non sabía ler nin escribir segundo o censo de 1930), de achegar a cultura a todos os fogares, de fomentar a participación informada na vida pública, e por suposto, de garantir os dereitos das mulleres. Aí quedan os innegables esforzos das Misións Pedagóxicas, retratadas polo asturiano Gonzalo Tapia nun excelente documental do 2007. Unhas misións abortadas pola guerra, nas que participaron grandes nomes da nosa historia cultural: Casona, Salinas, Cernuda, Hernández, e mulleres xigantes, como María Zambrano. Outras, moitas, anónimas mulleres, sumáronse como mestras á inxente tarefa de transformar o país nunha escola, de crear bibliotecas, de formar cidadanía consciente. É doloroso aínda hoxe lembrar a represión e como pagaron por espertar as conciencias daquela España esquecida que despois foi baleirada: Pilar Pérez Solano as retrata na longametraxe As Mestras da República (2014). Cómpre tamén lembrar a historia exemplar da lucense Enriqueta Otero, profesora en San Cosme de Barreiros, secretaria de Dores Ibárruri durante a guerra e membro do maquis. Capturada no 46, pasou 19 anos na cadea. Xa en liberdade  creou o proxecto cultural O Carriño, co que mantivo vivo un espazo de cultura en plena rúa en Lugo.

Todas estas persoas trataron de impulsar tenazmente a educación e a cultura nun país practicamente ágrafo porque eran moi conscientes de que non se pode construír unha convivencia democrática cunha poboación culturalmente eivada e alienada. García Lorca, outro colaborador coas misións pedagóxicas, escribiu:

Non só de pan vive o home. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría medio pan e un libro. E eu ataco desde aquí violentamente aos que soamente falan de reivindicacións económicas sen nomear xamais as reivindicacións culturais que é o que os pobos piden a berros.

Moi oportunas as devanditas palabras nestes tempos de poderes públicos reticentes a apoiar á cultura. Que llo conten aos organizadores da Semana das Artes na Mariña, que todos os anos emprenden unha batalla para conseguir algo tan elemental como o financiamento dun simple catálogo. Que llo conten a quen, chegadas e chegados de fóra, tratamos de aprender a lingua galega e nos atopamos co muro das dificultades institucionais para estudala en Galicia.

Pero a aversión á cultura e á diversidade vén de atrás. O réxime nacional-católico tivo que apoiarse na igrexa a cambio dun trato de favor prolongado ata hoxe para ofrecer unha lexitimación divina, e por tanto incuestionable, das ordes social, económica e política fascistas, non quedara algún cerebro esperto e pensante con vida solto por aí.

O magoante de todo isto é que, malia desaparecer a ditadura, o dano estaba feito. Refírome á ausencia no hábito de dialogar e de pensar con independencia que arrastramos en España. O nacional-catolicismo sumiu a grande parte do pobo nunha forzosa minoría de idade mental permanente da que non nos deu tempo de saír cando xa se impoñían as novas tecnoloxías  homoxeneizadoras. Resultado: o franquismo tivo un prezo que aínda seguimos pagando nas deficiencias da nosa cultura política, tal e como vimos polos resultados electorais. Si, gañou un partido de ¿esquerda?, pero non se pode considerar que temos unha democracia saudable cando os motivos para mobilizarse a votar son os medos e non as propostas razoadas.

Hai unha España que foi, outra que non foi (porque non a deixaron, como agora seguen sen querela deixar ser), outra que se foi (ao exilio ou á tumba) e outra que ficou e hoxe bota en falta o autoritarismo do pasado. É a España votante dos extremismos fascistas que o pasado abril conseguiron representación no congreso por primeira vez na nosa etapa “democrática”. Con todo, é xente que xa estaba entre nós…. A ninguén se lle escapa que en España, a diferenza da tendencia noutros países europeos, non houbo ata agora un partido de extrema dereita porque o franquismo sociolóxico e os fascistas de novo e vello cuño xa estaban integrados no PP. Só o desastre deste último os sacou á luz. Non hai que rachar as vestiduras, sempre convivimos con eles, mesmo dentro das institucións públicas.  Pero agora o seu discurso está a lexitimarse polo eco mediático. E iso si que é perigoso. Hai que lembrar que por moito menos do que din algúns dos seus voceiros hoxe ilegalizouse Herri Batasuna no seu día. Si, como ben dicía Federico, necesitamos medio pan e un libro. E tamén algo máis de memoria histórica no disco duro.

0.19595098495483