Demandan á Xunta as medidas para levar a cabo a moratoria do eucalipto

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A plataforma Por un Monte Galego con Futuro alégrase de que por fin o Goberno Galego recoñeza "o grave problema" do monocultivo do eucalipto.
árbores
7 Mar 2021

Tras do anuncio da Xunta de Galicia dunha moratoria para a plantación de eucaliptos a plataforma Por un Monte Galego con Futuro alégrase de que por fin o Goberno Galego "recoñeza o grave problema económico e ambiental que ten Galiza polo monocultivo do eucalipto".

A plataforma denuncia que a moratoria non terá valor ningún se non se establecen a través dun regulamento de medidas específicas para aplicala de maneira efectiva impedindo novas plantacións de eucalipto mediante un reforzamento das medidas de control e vixilancia.

O Plan Forestal Galego de 1992 establecía como limiar que no ano 2032 as plantacións de eucalipto ocuparían 245.000 hectáreas. Segundo os últimos datos do Inventario Forestal de Especies Produtivas -realizado cada década polo Ministerio-, en 2018 eran xa 300.500 hectáreas de monocultivo de eucalipto e outras 121.700 hectáreas nas que a especie se atopaba presente dalgún modo. É dicir, case o dobre das previstas para 2032. A falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego xa hai voces autorizadas alertando que esta especie exótica invasora pode ocupar xa preto das 600.000 hectáreas en Galicia.

A plataforma sinala que o anuncio da moratoria por parte do goberno galego prodúcese escasas horas despois de aprobar un novo Plan Forestal Galego "que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado. Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral. Un plan que non contempla a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos".

Un novo Plan Forestal, que segundo denuncia esta plataforma fomenta, o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas/ano. "Un plan que propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos".

Este plan, indican, non fai máis que agravar a situación actual. Unha situación que o propio Goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos.

A plataforma solicita ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.

0.069164991378784