Festas de Vilalba: O San Ramón de 1926 na Habana

Por Moncho Paz
San Ramón de 1926 sorprendeu á Habana nun deses días nos que a cidade semella avanzar a dous tempos: o da modernización acelerada e o da tensión política que se respiraba en cantinas e cafés, reflectida nas novas da prensa e tamén nas viñetas satíricas. Contaba o Chavito que aquel 31 de agosto, o meu avó Mario Xosé preparábase para unha xornada pouco común, pois debía asumir a responsabilidade de coordinar o menú da recepción oficial ofrecida ao diplomático español Francisco Gutiérrez de Agüera, quen presentaba as súas cartas credenciais ante Gerardo Machado, converténdose no primeiro embaixador extraordinario e plenipotenciario de España en Cuba. O xantar, elaborado segundo o protocolo francés e enriquecido con produtos crioulos, incluía caldo real de ave, peixe branco con manteiga e alcaparras, solombo de res en redución de viño tinto, ensalada de estación e unha sobremesa de crema de chocolate con ananás fresco. O brinde final entre Machado e Gutiérrez de Agüera selou unha nova etapa nas relacións bilaterais.
A celebración familiar do San Ramón quedaba adiada para o día seguinte, xunto á irmá do meu avó, María Xosefa, e ao seu home, Generoso Yáñez Balsa, figura destacada das sociedades de instrución e recreo da diáspora chairega. Membro da xunta directiva da Liga Santaballesa da Habana, Yáñez Balsa participaba activamente nas iniciativas destinadas a combater o analfabetismo e a impulsar, dende Cuba, a creación dunha escola na súa parroquia natal, Santaballa, que fora inaugurada en 1916. Na illa caribeña, as romarías tiñan lugar en espazos abertos que recreaban o ambiente das festas tradicionais. Os xardíns das cervexerías La Tropical e La Polar, xunto ao río Almendares, convertíanse cada ano nos escenarios principais. A música corría a cargo de gaiteiros, orfeóns e masas corais formadas por emigrantes galegos, como a Sociedade Coral Ecos de Galicia, a Banda de Gaitas do Centro Galego ou o grupo Airiños d’a Miña Terra. Para a sesión do serán contratábanse as orquestras máis populares da capital, que mesturaban danzóns, sons, boleros, pasodobres e rumbas, convertendo aquelas romarías en auténticos encontros sociais onde a mocidade habaneira e galega compartía música, baile e identidade.
A Habana de 1926 era unha cidade en transformación. Machado impulsaba obras singulares como a Estrada Central e a ampliación dos tranvías, mentres a crítica social atopaba acubillo na banda deseñada. A revista La Semana, que o meu avó recibía puntualmente, estreaba ese ano o personaxe satírico El Bobo, creado polo recoñecido ilustrador Eduardo Abela: un debuxo de humor picaresco, trazo realista e falsa inocencia, concibido para esquivar a censura e representar a voz popular fronte ao réxime autoritario. A súa aparición coincidiu cun momento de fonda efervescencia editorial, no que xornais e revistas buscaban novas formas de contar o que acontecía nunha urbe en constante movemento.
Por esas mesmas datas, na localidade de Birán, pertencente á antiga provincia de Oriente, nacía Fidel Castro Ruz, no seo dunha familia adiñeirada que se dedicaba á actividade agrícola. Era o segundo fillo do inmigrante galego Ángel Castro Argiz, natural de Láncara (Lugo), e da cubana de orixe canaria Lina Ruz González. Aquel neno, que chegaba ao mundo no mesmo mes en que o meu avó servía un xantar diplomático no pazo presidencial, acabaría rexendo o destino de Cuba durante décadas.
Mario Xosé levaba na Habana dende 1922, coincidindo cun momento de forte expansión económica e intensa actividade migratoria galega. Fixou a súa residencia cos parentes de Vilalba, residentes no distrito de Centro Habana, e integrouse axiña na comunidade de paisanos que frecuentaban o Centro Galego e outras sociedades recreativas. Traballou como estibador no porto, despois na tinturaría familiar e finalmente no eido da restauración, controlado por emigrantes peninsulares de distinta procedencia. A súa habilidade organizativa en banquetes e eventos de todo tipo levouno ata os fogóns do pazo presidencial, onde co tempo ascendería a xefe de cociña.
Mentres a cidade se modernizaba acotío, Mario Xosé seguía con curiosidade a actualidade do momento a través dos xornais e outras publicacións. Participaba en romarías, actos culturais e iniciativas benéficas da comunidade galega, mantendo sempre un estreito vencello coa súa terra natal. O seu círculo habitual mesturaba galegos, crioulos e europeos nun ambiente cosmopolita típico da Habana dos anos vinte. A disciplina no traballo e a súa capacidade para adaptarse ao ritmo urbano convertérono nunha persoa ben considerada entre colegas e clientes. A vida cultural —teatros, música e actividade política— completaba o seu tempo de lecer nunha Habana vibrante que o acolleu ata o seu regreso definitivo a Vilalba en 1933, cando se reencontrou cunha Terra Chá que mantiña viva a tradición rural agrícola e gandeira, mentres recibía os primeiros sinais de modernidade. Ao pouco de casar con María Guntín, a parella tivo a oportunidade de voltar a Cuba, mais decidiron ficar na vila tras o nacemento do fillo primoxénito en 1935, ao que tamén chamaron Mario. Despois viñeron Cándido (1937) e Ramón (1938), o meu pai, coñecido por todos como Chavito. O que sucedeu nos anos seguintes é outra historia, que aparece recollida nas crónicas da Casa dos Marios, publicadas no seu día no TerraChaXa e ampliadas posteriormente como parte do proxecto “O Mundo do Chavito”, impulsado dende a Asociación Cultural Amigos de Prisciliano.