Fracasa a reunión do comité de empresa con Tegestacín
A reunión prevista para onte entre Tegestacín, comité de empresa e Xunta fracasou debido a que a dirección da planta de Outeiro de Rei "negouse a sentarse na mesma mesa" a tres bandas, informaron dende a CIG.
Indicaron dende o comité de empresa de Tegestacín que aceptaban coa súa comparecencia a posición da Xunta como Autoridade Laboral no marco dunha mediación, poñendo énfase "na situación crítica dos tempos do período de consultas e na falta de garantías na obxectivación das medidas propostas polo que se pedía o tempo preciso para afondar nisto, pero tamén na falta de garantías en canto ós compromisos económicos da empresa nos supostos extintivos e liquidatorios, e como non, con gran interese en afondar sobre as posibilidades futuras para as instalacións".
A empresa pola súa banda coa Xunta, din que "non amosou ningunha disponibilidade sobre o anterior polo que non se prestou á reunión a tres bandas, malia ter suspendida a reunión prevista para o pasado día 19 de xaneiro e a posteriori xustificalo nesta actual".
Con esta situación o comité de empresa asegura que Tegestacín deixa dúas cuestións moi claras, "a primeira que se están a rir tanto do persoal como da Administración cun claro obxectivo de esgotar o período de consultas sen as garantías necesarias para o ERE e, en segundo lugar a incapacidade da Xunta tanto para atopar as garantías da viabilidade industrial nesta factoría no seu marco competencial, así como para poder axudar na liña das garantías mínimas no marco do propio ERE".
Dende a CIG proporase á empresa a celebración dunha nova reunión no marco do período de consultas do ERE previo á reunión de peche prevista para 28.01.22, tamén se fai unha valoración negativa do acontecido, "posto que a Xunta de Galiza, con todas as competencias neste asunto, perdeu unha oportunidade de encarar posibles solucións para estas instalacións pois, se ben se manteñen expectativas para estadios posteriores ó ERE, as mesmas non terán garantía para o actual persoal".