Guitiriz organiza un curso sobre xestión das emocións para mellorar o control do estrés e da ansiedade

O Concello de Guitiriz promoverá o vindeiro 6 de maio un curso centrado na xestión das emocións, unha iniciativa que se desenvolverá na Escola Habanera en horario de 16.30 a 18.30 horas. A actividade está orientada a proporcionar ferramentas prácticas para mellorar o manexo do estrés e da ansiedade a través de distintas técnicas de relaxación e concentración.
Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas coa aprendizaxe para xestionar as emocións, o control axeitado do estrés, as técnicas de relaxación, a meditación e a concentración, así como os síntomas e efectos derivados da ansiedade. A formación correrá a cargo de Jenifer Souto Pérez, psicóloga e enfermeira educadora.
O curso contará con certificado oficial e as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o día 5 de maio a través dos Servizos Sociais municipais, no teléfono 982 370 109.
Desde o Concello destacan que esta proposta busca ofrecer recursos útiles para o benestar emocional da cidadanía e fomentar hábitos saudables que axuden a afrontar situacións de tensión e ansiedade no día a día.