Lugo continúa o descenso de casos de coronavirus con sete menos

TerraChaXa
LUGO A área sanitaria de Lugo continúa coa súa caída de casos activos de coronavirus ao rexistrar un total de 22 casos activos, o que supón 7 menos que na xornada anterior.
telefono coronavirus gl 607x398
12 Xuño 2020

LUGO
A área sanitaria de Lugo continúa coa súa caída de casos activos de coronavirus ao rexistrar un total de 22 casos activos, o que supón 7 menos que na xornada anterior.

Salvo un paciente que está ingresado en planta no Hula, o resto de afectados evolucionan nos seus domicilios. Deste xeito temos que, desde a orixe da alerta sanitaria, rexistráronse na provincia un total de 913 curacións ou altas e 28 falecementos.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 357, deles 105 son da área da Coruña, 22 da de Lugo, 28 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 148 da área de Vigo, 34 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 8 están en unidades de hospitalización e 349 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.470 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 156.036.

Os novos datos da comunidade indican que se rexistrou un forte descenso no número de casos activos en Galicia. As últimas cifras da Consellería de Sanidade deixan en 357 as persoas con coronavirus na comunidade, son 108 menos que os da xornada anterior. En canto ás cifras solicitadas nas residencias da comunidade galega, hai 14 usuarios e 11 profesionais sanitarios contaxiados pola enfermidade.

O día que Galicia pedirá a Moncloa acabar co estado de alarma, a Xunta informa da caída de 108 casos activos nun día, o 23% desaparecen das estatísticas, o maior descenso nos últimos 10 días. Nalgunhas áreas sanitarias o derrube é verdadeiramente insólito. Por exemplo, en Santiago pasa de 92 onte a 34 hoxe. É dicir, nun só día hanse esfumado o 63% dos casos activos.

A área sanitaria de Vigo pasa de 184 a 148 casos. Unha caída de case o 20%. O SERGAS non informou se estes saltos débense a algún axuste metodolóxico.

ESPAÑA

O informe diario de Sanidade este xoves reflicte un lixeiro descenso nos contaxios en España, 156 detectados nas últimas 24 horas fronte aos 167 reportados onte. A cifra total sitúase en 242.707 desde o inicio da pandemia.

A cifra total de mortes segue sen actualizarse e o ministerio informa de 32 na última semana. Desde fai cinco días mantense a cifra total en 27.136 pero desde hai 16 días e tras actualizar a forma de notificación dos datos, Sanidade avisa de que non se actualiza o global de decesos.

Dos 156 casos detectados onte, case a metade (72) proceden da Comunidad de Madrid, seguida de Cataluña con 27. Con data de inicio de síntomas na última semana detectáronse 245 casos e, nos últimos 14 días, 886. Un total de 14 comunidades e cidades autónomas detectaron menos de 10 casos a última semana.

Nos últimos sete días precisaron hospitalización, segundo o balance de Sanidade, 151 persoas, tan só 10 nas unidades de coidados intensivos.

En todo o mundo, 417.377 persoas faleceron xa segundo as cifras oficiais da pandemia de coronavirus. A cifra de contaxiados achégase aos 7,5 millóns, segundo os datos actualizados pola Universidade Johns Hopkins este xoves. O epicentro da pandemia é agora Estados Unidos, que acumula máis de dous millóns de casos e case 113.000 mortes. O número de persoas que conseguiron curarse de COVID-19 achégase aos 3,5 millóns.

PRECAUCIÓNS

A incidencia do novo coronavirus en Galicia é menor que noutras comunidades autónomas e que noutros países europeos. Non obstante, a única forma de diminuír o efecto que o coronavirus poida ter na nosa sociedade é a través da participación de toda a cidadanía. E para isto deben seguirse as recomendacións que se están a dar, dirixidas a minimizar o contacto entre as persoas e a manter uns hábitos correctos de hixiene respiratoria.

A continuación, relaciónanse unha serie de medidas provisionais especialmente dirixidas a reforzar a seguridade dos pacientes fráxiles ou máis vulnerables, como poden ser as persoas anciás pluripatolóxicas e inmunodeprimidas, co obxectivo de evitar que estean en lugares nos que conflúan con outros cidadáns.

Teléfono de información á cidadanía

No caso de que teña algunha dúbida ou necesite información respecto aos aspectos asistenciais do novo coronavirus ou se padece unha sintomatoloxía leve, pode chamar ao teléfono 900 400 116.

Aconséllase empregar o teléfono 061 con racionalidade e unicamente para situacións de emerxencia.

Recomendacións xenéricas

  • Hixiene de mans e hixiene respiratoria
  • Lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou utilizar unha solución hidroalcohólica.
  • Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca se non se teñen as mans limpas.
  • Practicar unha boa hixiene respiratoria. É dicir, ao tusir ou esbirrar, tapar a boca e o nariz cun pano de papel, que inmediatamente hai que desbotar nunha papeleira, ou facelo contra a flexura do cóbado. Despois de tocar as secrecións respiratorias (despois de esbirrar, de tusir ou de usar panos) e/ou obxectos contaminados, deberanse lavar ben as mans.
  • De ter síntomas de infección respiratoria, como febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea, hai que afastarse doutras persoas e manterse a unha distancia de, polo menos, 2 metros.
  • Non se lles recomenda usar máscara como medida de protección a aquelas persoas que non estean enfermas ou que se atopen nun centro sanitario de acordo coas recomendacións que se establezan. Ao contrario, isto pode ser contraproducente e xerar unha sensación de seguridade que non é certa e, ademais, a súa manipulación pode motivar máis risco por contacto con nariz, boca ou ollos.
  • No caso das persoas máis fráxiles ou vulnerables, convén evitar, na medida do posible, espazos pechados cunha alta afluencia ou ocupación.

Sintomatoloxía

Os síntomas máis comúns da enfermidade polo coronavirus (COVID-19) son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea.

No caso de que chegase dunha viaxe ou de que estivese en contacto con persoas que veñan dunha área de risco e presente os síntomas descritos, recoméndase que NON ACUDA DIRECTAMENTE AO HOSPITAL NIN AO CENTRO DE SAÚDE, senón que CONTACTE TELEFONICAMENTE.

Consulta telefónica

O Servizo Galego de Saúde ten establecidos sistemas de consulta telefónica á disposición da cidadanía nos centros de atención primaria. Por tal motivo, recórdaselles aos pacientes cuxo problema de saúde poida resolverse mediante esta modalidade de atención que soliciten a súa cita a través deste sistema de consulta telefónica, co fin de facilitar que poidan ser atendidos sen necesidade de acudir aos centros sanitarios.

Centros sanitarios

Evitar toda atención sanitaria que non sexa estritamente necesaria, coa finalidade de tratar de diminuír as concentracións de persoas nas salas de espera e tamén nos medios de transporte público.

No caso de que o paciente acuda a un centro sanitario con sintomatoloxía respiratoria aguda, debe poñer unha máscara, que estará á súa disposición nun lugar visible e sinalado. Se non o fai dun xeito proactivo e os profesionais do centro identifican signos ou síntomas de infección respiratoria aguda, indicaranlle ao paciente a necesidade de que poña a máscara.

Acompañamento nos centros sanitarios

Por seguridade, estará limitado o número de persoas que acceden aos centros sanitarios para acompañar os pacientes. Recoméndase que os pacientes acudan sós aos centros sanitarios. Se isto non fose posible, cada paciente que acuda a un centro sanitario, tanto do ámbito da atención primaria coma
hospitalaria, e tanto no caso de que se precise ingreso como se se trata dun proceso sen ingreso, só poderá ter, como máximo, un acompañante durante a estancia no centro. Recoméndase, do mesmo xeito, que na medida do posible este acompañante sexa menor de 70 anos, co obxecto de protexer este sector de poboación que se considera máis vulnerable.

Convén recordarlles aos visitantes e acompañantes de pacientes que non deben acudir aos centros sanitarios se presentan síntomas de ifección respiratoria aguda ou febre ou se proveñen ou estiveron en zonas ou lugares considerados como zonas de risco nos últimos 14 días.

Zonas de risco

Actualmente, clasifícanse como áreas con evidencia de transmisión comunitaria as seguintes:
- España: as comunidades autónomas de Madrid e A Rioxa, e os municipios de La Bastida e Vitoria-Gasteiz (País Vasco) e Miranda de Ebro (Castela e León)

- Italia (todo o país)
- Francia: departamentos de Haut-Rhin (Grabd Est) e l'Oise (Hauts-de-France)
- Alemaña: departamento de Heinsberg (Renania do Norte-Westfalia)
- China (todas as provincias, incluídos Hong Kong e Macao).
- Corea do Sur
- Xapón (illa de Hokkaidō)
- Singapur
- Irán
Nota: Estes territorios poden variar, polo que sempre debe consultarse na web do Ministerio de Sanidade a última actualización.
(
https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/areas.htm)

95256850_1390568487800813_5839769158656458752_o
infografia e1584018954347
0.079930067062378